A Deputación de Pontevedra apoia a 2ª Regata Nacional de Kayak de Mar O Grove-Vilanova

O Pazo provincial acolleu a presentación da competición, que se celebrará este sábado e domingo 25 e 26 de maio nas augas da ría de Arousa

22/05/2024

Touris na presentación

“Na provincia de Pontevedra temos a sorte de contar con tres rías marabillosas, que son tres escenarios perfectos para a realización de probas deportivas acuáticas e náuticas, e tamén de ser un referente en piragüismo en todo o mundo”. Así o asegurou o deputado provincial Javier Tourís na presentación da 2ª Regata Nacional de Kayak de Mar O Grove-Vilanova, unha proba que conta co respaldo da Deputación de Pontevedra e que se celebrará entre o sábado 25 e o domingo 26 de maio nas augas da ría de Arousa, realizando por mar un tramo do Camiño de Santiago cuxo sentido (desde O Grove ata Vilanova ou desde Vilanova ata O Grove) se decidirá segundo a dirección desde a que veña o vento eses días.

O acto de presentación tivo lugar no Pazo provincial, e contou coa participación dos presidentes das federacións galega e canaria de piragüismo, Alfredo Bea e Jose María García Riolobos, e mais os alcaldes do Grove e Vilanova de Arousa, José Cacabelos e Gonzalo Durán. O deputado provincial destacou que nesta regata se darán cita “arredor de 400 piragüistas, a metade deles galegos” e puxo o foco no “apoio que sempre dará a Deputación de Pontevedra a este tipo de probas de altísimo nivel que van na liña dun dos grandes obxectivos que ten este goberno provincial en materia de deportes: converter a provincia de Pontevedra no maior estadio deportivo do mundo”.

A este respecto, Javier Tourís puxo o foco en que “estas probas deportistas redundan na riqueza da nosa poboación, xa que estamos a falar de 400 deportistas que veñen coas súas familias e que sen dúbida volverán achegarse no futuro para vivir unha experiencia 100% Rías Baixas”. O deputado provincial fixo unha mención especial ao presidente da federación canaria, ao que convidou a volver a Galicia “para gozar das nosas temperaturas máis suaves e das nosas noites, nas que se pode durmir”.

Galerias de imaxes