A Deputación pecha o proxecto +Rías, que cun orzamento de 133.000 € deu a coñecer a importancia das Rías Baixas como motor da economía azul en contornas da Rede Natura 2000
O deputado Marcos Guisasola asegurou que “+Rías, construído coa participación da investigación, do sector pesqueiro, da comunidade educativa e da cidadanía, permitiu poñer en valor que é posible integrar economía azul, conservación ambiental e desenvolvemento socioeconómico sostible”
21/01/2026
A Deputación acaba de pechar +Rías cunha xuntanza liderada polo deputado provincial Marcos Guisasola, e coa presenza de máis dunha vintena de persoas implicadas no proxecto, na que fixo balance do traballo desenvolvido ao longo dos 18 meses de duración. Esta iniciativa, dotada cun orzamento total de 133.000 euros, dos que a Deputación achega 40.000€ con recursos propios e os restantes 93.000€ a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), iniciouse en xullo do ano 2024 co obxectivo de dar a coñecer a importancia das Rías Baixas como motor da economía azul en contornas da Rede Natura 2000.
"Queriamos reafirmar o compromiso da Deputación de Pontevedra coa educación ambiental e a protección do medio mariño, fomentando entre as novas xeracións o respecto e a responsabilidade cara ao patrimonio natural da provincia", subliñou Marcos Guisasola quen subliñou que "non podemos esquecer que a provincia é un territorio onde o mar sostén un modelo produtivo social e cultural único". Neste eido, o deputado asegurou que "+Rías, construído coa participación da investigación, do sector pesqueiro, da comunidade educativa e da cidadanía, permitiu poñer en valor que é posible integrar economía azul, conservación ambiental e desenvolvemento socioeconómico sostible".
Este proxecto liderado pola Deputación de Pontevedra permitiu xerar coñecemento técnico e científico sobre a sustentabilidade das Rías Baixas. Neste eido, o deputado recordou que ao longo destes 18 meses celebrouse un simposio técnico, no que participaron medio centenar de persoas, e elaborouse unha publicación técnica dixital deste encontro para compartir coñecemento e avanzar cara unha xestión máis sostible do medio mariño.
A educación ambiental desde idades temperás foi outro dos piares do proxecto +Rías. Ao respecto, Guisasola recordou que se realizaron nove talleres infantís sobre biodiversidade mariña, marisqueo e xestión pesqueira sostible nos que participaron 236 nenas e nenos. Tamén se creou un vídeo animado e un conto ilustrado divulgativo: "Aprendendo a coidar o mar". Ademais, celebrouse un concurso de debuxo no que participaron 105 escolares e entregaron tres premios finais.
+Rías tamén contou coa implicación directa dos profesionais do mar. Neste eido, realizouse un taller de sensibilización ambiental no que participaron 20 persoas, maioritariamente mulleres, e representantes de sete confrarías, traballando a importancia das boas prácticas e da conservación dos recursos mariños. Ademais, 64 estudantes de formación profesional do ámbito mariño participaron en dúas sesións formativas e visitas a confrarías e entidades pesqueiras para coñecer de primeira man a xestión diaria e a explotación sostible dos recursos.
Achegar a pesca sostible á cidadanía foi outro dos obxectivos de +Rías. Neste ámbito, realizáronse tres exposicións fotográficas en espazos públicos, tres mostras de debuxos premiados e tres eventos de degustación itinerante de produto local. Ademais reprtíronse máis de 200 pezas de material divulgativo e merchandising sostible, celebráronse tres concursos participativos con entrega de nove premios en directo. Un conxunto de accións pensadas para conectar co público xeral, reforzar o vínculo co territorio e promover un consumo responsable.




