A Deputación remarca o papel imprescindible das Rías Baixas na pesca sostible no seminario do proxecto provincial +Rías organizado en Soutomaior
O deputado Marcos Guisasola acaba de inaugurar na Federación Provincial de Cofradías, en Arcade, un seminario para profesionais do mar enmarcado neste proxecto provincial para sensibilizar sobre a conservación da biodiversidade e os ecosistemas mariños
20/11/2025
A Deputación de Pontevedra acaba de inaugurar en Soutomaior coa participación do deputado de Medio Ambiente e Mar, Marcos Guisasola, un seminario sobre a pesca sostible nas Rías Baixas enmarcado nas accións do proxecto +Rías, que ten por obxectivo sensibilizar sobre a importancia da protección e conservación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños, poñendo en valor os produtos do mar locais e sostibles. O seminario “As Rías Baixas, imprescindibles para unha pesca sostible” desenvolveuse na Federación Provincial de Confrarías, en Arcade, co obxectivo de fomentar entre os profesionais do mar a sensibilidade ambiental e conciencia ecolóxica.
O seminario, centrado nas diferentes propostas e temáticas relacionadas coa pesca sostible nas Rías Baixas, trátase, en palabras do deputado provincial, “dunha oportunidade única para conseguir sumar sinerxías e reforzar a estreita colaboración e implicación das confrarías da provincia”. Neste eido, Pilar Otero, presidenta de AMUPESCA, falará do proxecto Mariscadoras ConCiencia; Juan José Rial Millán, patrón maior da Confraría de Pescadores A Illa de Arousa, centrarase na iniciativa basuramarina.com, Carlos Pereira Dopazo, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, presentará CALIMAR; Eduardo Pérez Corbacho, asistente técnico da Confraría de Arcade, explicará o proxecto “Sen Lixo”; e Sauro Martínez Durán, patrón maior da Confraría de Sanxenxo, afondará na diversificación pesqueira.
O proxecto +Rías está promovido pola Deputación de Pontevedra e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, no marco do Programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). Con iniciativas como esta, a Deputación reafirma o seu compromiso coa educación ambiental e a protección do medio mariño, fomentando entre as novas xeracións o respecto e a responsabilidade cara ao patrimonio natural da provincia.
