A Deputación volve á feira BTL de Lisboa tras 20 anos de ausencia para convidar ao público portugués a facer de Rías Baixas “a súa meta, o seu destino”

O deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, presentou a nova campaña promocional da provincia neste 2026 nun acto xunto co presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e o presidente de Turismo do Porto e Norte de Portugal, Luis Pedro Martins

26/02/2026

A Deputación volve á feira BTL de Lisboa tras 20 anos de ausencia para convidar ao público portugués a facer de Rías Baixas “a súa meta, o seu destino”

A Deputación acaba de presentar a oferta turística da provincia de Pontevedra na feira BTL de Lisboa, convidando ao público portugués a visitar Rías Baixas: a túa meta, o teu destino. O deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, presentou a nova campaña promocional da provincia neste 2026 nun acto xunto co presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e o presidente de Turismo do Porto e Norte de Portugal, Luis Pedro Martins que culminou cunha cata de viños da Denominación de Orixe Rías Baixas.

“Somos o mellor lugar do mundo para desconectar, conectar e reconectar”, subliñou o deputado de Turismo quen engadiu que “somos tamén un estilo de vida, ofrecemos plans diversos, combinamos calidade con tranquilidade, e a nosa oferta consigue que o turista se sinta na nosa provincia como na súa propia casa”. Almuíña remarcou que “a nosa provincia é a vosa meta, o voso destino e queremos, se é que aínda non o tendes feito, que veñades a coñecela”, ao tempo que relatou a súa cercanía con respecto a Portugal, a ampla oferta turística das Rías Baixas, desde as praias, ata o interior, a gastronomía, o enoturismo e a oferta turística sostible e de calidade.

Turismo Rías Baixas difundirá ata o 1 de marzo os principais produtos turísticos da provincia na Feira Internacional de Turismo BTL de Lisboa tras dúas décadas ausente e co obxectivo de avanzar na internacionalización do destino provincia de Pontevedra e consolidar a súa posición no mercado portugués. Ademais, o organismo provincial pretende durante a feira ampliar a rede de contactos con operadores turísticos, axencias, medios de comunicación e profesionais do sector, así como difundir os produtos turísticos vinculados á identidade da provincia.

Deste xeito, Turismo Rías Baixas está a promover en Lisboa os principais fitos do turismo deportivo, cultural e patrimonial, de natureza e de turismo activo, os vencellados ao enoturismo e á gastronomía, así como ao Camiño de Santiago, recursos costeiros e náuticos, os vinculados ao benestar e ás experiencias sostibles. Durante a feira, a Deputación está realizando accións de promoción como a presentación de novas propostas turísticas, reunións con operadores portugueses e internacionais, a difusión de material tanto impreso como dixital, a participación en encontros profesionais e eventos paralelos e a atención ao público desde o stand propio de Turismo Rías Baixas.

A asistencia á BTL forma parte do calendario de feiras coas que a Deputación busca impulsar o destino Rías Baixas. Ademais da feira lisboeta, por primeira vez na historia o organismo provincial disporá dun posto na Feira Internacional de Viaxes e Turismo ITB (Berlín) e na feira de produtos ecolóxicos e de turismo Biocultura-Ecoturismo da Coruña. Ademais, as Rías Baixas tamén se promocionarán na Feira Internacional de Turismo Expovacaciones en Barakaldo (Biscaia), en Turexpo (Silleda), no Salón Náutico Internacional de Southampton e na WTM de Londres (Reino Unido), en Xantar (Ourense), na Feira Internacional de Turismo de Interior Intur (Valladolid) e no Salón Internacional de Congresos e Reunións IBTM (Barcelona).

Galerias de imaxes