A Deputación rexistra o récord de traballos que optarán aos IX Premios Provinciais á Xuventude
As categorías de traballo literario breve e de banda deseñada lideran a suba na participación, con 36 e 17 traballos e un 44% e un 100% máis que o ano anterior, respectivamente
03/09/2025
A Deputación de Pontevedra rexistrou este ano a maior cifra de traballos candidatos para participar nos seus Premios Provinciais á Xuventude, con 111 solicitudes que optarán á novena edición, na que se repartirán un total de 36.000 euros entre as mellores iniciativas impulsadas pola mocidade da provincia de Pontevedra co obxectivo de promover o seu talento e potencial. Trátase do segundo ano consecutivo que a institución provincial bate as súas marcas históricas de participación nos premios, superando deste xeito os 100 traballos que se presentaron en 2024.
As principais subas respecto ao ano anterior rexistráronse nas categorías de traballo literario breve e banda deseñada. Na de traballo literario breve recibíronse 36 traballos, nove e un 44% máis que en 2024, mentres que na de banda deseñada o incremento é dun 100%, dos 7 traballos presentados en 2024 aos 14 na edición de 2025. Deste xeito, continúase a tendencia que se vén observando nos últimos anos, e que levou a institución provincial a deseñar accións complementarias como os encontros Pontevedra Literaria, a publicación do libro “Xuventude en Palabras” e a exposición pública de todos os traballos gañadores da categoría desde a súa posta en marcha.
Outras categorías tamén rexistraron un incremento de traballos presentados respecto á anterior edición, como as de contido audiovisual (3 fronte a 2) e a de traballo musical (9 fronte a 7). Ademais, a Deputación recibiu 23 candidaturas na categoría de fotografía orixinal, 11 na de investigación, 6 na de iniciativa empresarial, 4 na de deseño e moda, 4 nas categorías de iniciativas xuvenís (2 na xeral e 2 na de proxectos desenvolvidos por concellos da provincia) e 1 na de educación en valores.
Os IX Premios Provinciais á Xuventude constan de doce categorías, entre elas as dúas novidades deste ano: mellores iniciativas xuvenís levadas a cabo polos concellos da provincia, para estimular e recoñecer a traxectoria, o esforzo e o compromiso das mozas e mozos que desenvolvan un labor relevante en distintos ámbitos (sen premio en metálico), e iniciativas xuvenís impulsadas por asociacións ou grupos informais, na que se outorgarán 2.000 euros en tres premios de 1.000, 600 e 400 euros respectivamente. As categorías de contido audiovisual, deseño e moda e educación en valores, ademais das subcategorías de traballo musical (música clásica e outros xéneros), de traballo literario breve (narrativa e poesía) e de fotografía orixinal (serie fotográfica e fotografía) terán o mesmo reparto económico.
A categoría á mellor iniciativa empresarial está dotada de 4.000 euros, con tres premios de 2.000, 1.250 e 750 euros, do mesmo xeito que as dúas subcategorías de investigación, por unha banda ciencias, arquitectura e enxeñaría, e pola outra artes, humanidades e ciencias sociais e xurídicas. Os premios serán entregados nunha gala pública a finais de ano, que volverá ter como antesala o encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes, coa participación de figuras recoñecidas das letras.