A Deputación saca a licitación a concesión do restaurante no Museo de Pontevedra, por seis anos prorrogable por outros catro

A empresa que resulte adxudicataria terá que executar no local obras de mellora da accesibilidade, pavimentos e control de cheiros

01/10/2025

A Deputación de Pontevedra acaba de publicar a licitación da explotación de actividade de cafetería e restaurante no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra. A concesión realizarase por seis anos, prorrogable por outros catro. A empresa que resulte adxudicataria terá que executar obras de mellora no local, cuxo custe estimado se restará do canon de explotación que teña que satisfacer a empresa. O prazo para presentar ofertas remata o 3 de novembro ás 10:00 h.

O novo contrato dará continuidade ao uso que tivo o baixo do Edificio Sarmiento nos últimos 10 anos, como restaurante e terraza, nunha concesión á empresa Pepe Vieira, S.L. Rematada esta concesión, a Deputación de Pontevedra aposta porque este espazo manteña o seu uso, ao ser un lugar xa consolidado como punto de encontro lúdico-cultural.

O local obxecto de concesión require unha serie de melloras, que se incluirán como obriga para a empresa á que se adxudique o contrario. As obras consistirán na mellora da accesibilidade en aseos, a reparación de pavimentos e o control de cheiros. A concesionaria deberá executar as obras no prazo máximo de seis meses desde a recepción das autorizacións sectoriais e da licenza de obras e, en todo caso, dentro dos seis primeiros anos iniciais da concesión. A Deputación estimou en 75.527 € máis IVE o custe desta actuación, que se amortizará mediante a redución do canon da concesión durante os primeiros seis anos. O canon anual mínimo de licitación está establecido en 22.563,34€ (IVE incluído).

O espazo para restaurante está situado na planta baixa do Edificio Castelao, con acceso independente. Ocupa un superficie duns 160 m2 e inclúe unha cociña completamente equipada. O espazo de cafetería, no mesmo baixo, ocupa uns 168 m2, aos que hai que sumar o espazo de terraza situado entre os edificios Sarmiento e Castelao.

O procedemento de adxudicación outorgarase en réxime de concorrencia competitiva. O 49% da valoración recaerá en criterios de xuízo de valor: valorarase por unha banda o concepto gastronómico, a identidade de marca, a integración patrimonial e o deseño de espazos, cunha proposta que "ademais de articular un relato culinario singular e plenamente coherente co discurso do museo, presente un deseño integral dos espazos interiores e da terraza que realce tanto o inmoble patrimonial como a experiencia do visitante". Tamén se valorará a experiencia e currículo do equipo humano e a estabilidade contractual, así como a calidade do estudo de mercado e da estratexia comercial. O 51% restante da valoración recaerá na proposta de incremento do canon mínimo anual e no compromiso de aplicación dun sistema de calidade UNE ou Q de calidade turística.