A Deputación adxudica a mellora da seguridade da EP-7007 Couso-San Miguel de Barcala, na Estrada, por máis de 760.000 euros

As obras executaranse nun tramo de 2,3 quilómetros nos que se ampliará a plataforma, incorporaranse beiravías en ambas marxes e tamén se executará unha cuneta de seguridade

14/10/2022

A Deputación de Pontevedra revalida a aposta pola seu modelo de mobilidade amable e segura coa adxudicación das obras de reforzo do firme na EP-7007 Couso – San Miguel de Barcala, ao seu paso polo concello da Estrada. Así, as actuacións terán un orzamento de 764.368 euros financiados integramente pola institución provincial para actuar nun treito de 2,3 quilómetros (do pq 5+683 ao 8+071). A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou a importancia desta obra, que é un paso máis para “facer que as vías provincias estean en perfecto estado, algo fundamental para garantir unha boa comunicación.

As obras centraranse na mellora do firme do viario coa finalidade de mellorar as condicións de circulación e garantir a seguridade. Así, as actuacións consistirán na ampliación da plataforma co fin de dotala de carrís de 2,50 metros de ancho, beiravías de 0,5 metros en ambas marxes e dunha cuneta de seguridade de un metro de ancho na marxe dereita.

Para lograr estes obxectivos demolerase o paquete de firme existente e da base para posteriormente repoñer a capa de rodaxe. As beiravías executaranse co mesmo pavimento que a vía e, ademais, será preciso proceder ao retranqueo dalgúns dos elementos existentes (como postes) así como a substitución de varias obras de drenaxe transversal.