A Deputación investirá 830.000 euros na ambiciosa mellora da ep-7007 Couso-San Miguel de Barcala, na Estrada, para garantir a seguridade viaria

A actuación, que hoxe presentaron os deputados Gregorio Agís e Santos Héctor, abordará a ampliación da superficie da calzada e a reposición do firme nun tramo de case 2,4 quilómetros

30/06/2022

A Estrada

Cun investimento de 830.000 euros, a Deputación de Pontevedra vai abordar a ambiciosa actuación para mellorar a EP-7007 Couso-San Miguel de Barcala na Estrada ao abeiro do modelo de mobilidade segura e sostible da institución provincial. Os deputados provinciais Gregorio Agís e Santos Héctor presentaron hoxe xunto ao alcalde, José Carlos López Campos, estes traballos que permitirán ampliar a calzada deste viario e reforzar o seu firme nun treito de case 2,4 quilómetros, a fin de garantir de mellorar as condicións de circulación e garantir a seguridade. A licitación desta obra é inmediata, xa que este venres se aprobará o expediente para a súa contratación.

En concreto, a actuación desenvolverase no tramo comprendido entre os pq 5+683 e 8+071 da citada estrada, para dar solución ás deficiencias que presenta o firme, deteriorado principalmente debido ás condicións meteorolóxicas e ao tráfico de vehículos. A Deputación asumirá o 100% do financiamento da obra, que pode iniciar unha vez que o Concello puxo a disposición os terreos necesarios cun total de catorce parcelas afectadas.

Amais do reforzo do firme, realizarase unha ampliación da plataforma para dotala de carrís de 2,50 metros de ancho, beiravías de 0,5 metros en ambas marxes e unha cuneta de seguridade de 1 metro de ancho na marxe dereita da estrada.  Para iso, levarase a cabo a demolición do paquete de firme existente e da base para posteriormente repoñer a  capa de rodaxe, e as beiravías executaranse co mesmo pavimento que a vía. Amais, será preciso o retranqueo dalgúns elementos existentes (postes, etc.), así como a substitución de varias obras de drenaxe transversal e a execución de muros de contención de pedra. Os traballos completaranse coa execución da sinalización horizontal e vertical e a colocación de barreiras de seguridade nas zonas nas que sexa necesario, así como co traslado de nove postes de formigón da rede eléctrica e alumeado a un novo emprazamento.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.