A Deputación abre este mércores o prazo para que as ONGD se beneficien das axudas para financiar proxectos en países empobrecidos
As entidades terán un mes para presentar as súas solicitudes para optar a esta liña de axudas, que conta cun orzamento de 45.000 euros e que o pasado ano financiou proxectos en Honduras e O Salvador
19/03/2025
A Deputación de Pontevedra abre este mércores, 19 de marzo e durante un mes, o prazo para que as ONGD presenten os seus proxectos a unha nova edición das axudas de cooperación ao desenvolvemento. Cun orzamento de 45.000 euros, esta liña de achegas permitirá contribuír ao financiamento de proxectos en países empobrecidos desenvolvidos neste 2025 e manifesta o compromiso da Deputación coa defensa dos dereitos humanos en todo o mundo. Os novos proxectos uniranse aos nove desenvolvidos nas últimas convocatorias, incluídos os da Asociación Amigos da Terra, a Asemblea de Cooperación pola Paz e Solidariedade Internacional de Galicia, que o pasado ano financiaron iniciativas en Honduras e O Salvador.
Con esta liña de axudas está previsto financiar un total de tres programas de cooperación ao desenvolvemento que promovan proxectos sociais aliñados coa Axenda 2030, un por entidade, cun máximo de 15.000 € por cada un deles. En concreto, deberán ser iniciativas que contribúan á erradicación da pobreza multidimensional, á igualdade de xénero, á defensa da sostibilidade ambiental e loita contra o cambio climático, ao enfoque baseado en dereitos humanos, ao respecto pola diversidade cultural e a promoción da interculturalidade, á loita contra as desigualdades e á participación cidadá e ao fortalecemento institucional e da sociedade civil.
Terán prioridade aqueles proxectos desenvolvidos nalgúns dos once países considerados xeograficamente estratéxicos da África Subsahariana (Cabo Verde-Guinea-Bissau e Mozambique), América Central (Guatemala, Honduras, Nicaragua e O Salvador), América do Sur (Bolivia, Ecuador e Perú) e Caribe (República Dominicana); ademais daqueles nos que a cooperación galega xere capacidades na atención a poboacións refuxiadas e desprazadas e aos países afectados por conflitos ou crises humanitarias; así como aqueles nos que a cooperación galega demostre unha ampla experiencia de traballo, e nos considerados países menos adiantados ou cun índice de desenvolvemento humano baixo.
Poden optar a estas axudas da Deputación as ONGD inscritas no Rexistro de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento da Xunta na sección “A”, que teñan domicilio social ou delegación permanente na provincia de Pontevedra, que carezan de ánimo de lucro e que realicen actividades relacionadas coa cooperación ao desenvolvemento e co fomento da solidariedade entre pobos, entre outros requisitos.