Continúa aberto o prazo para participar no “Hub para a loita contra a fenda dixital e soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra” da Deputación

As persoas interesadas en ser alumnas ou influencers neste programa de formación dixital que terá lugar na Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña, poderán formalizar a súa inscrición ata o 31 de xaneiro

07/01/2024

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o 31 de xaneiro o prazo para participar como alumnado ou influencer no “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural na provincia de Pontevedra”. O proxecto, que a Deputación de Pontevedra ten en marcha nos concellos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña, inclúe unha formación destinada a persoas maiores de 50 anos para alfabetizalas dixitalmente e capacitalas en competencias dixitais co fin de facilitar as súas relacións coas administracións públicas.

Poderán participar nesta iniciativa como alumnas e alumnos persoas nacidas antes de 1973 ou que acrediten discapacidade, presten servizos de axuda a domicilio ou teñan a condición de persoa coidadora con maiores a cargo, sempre que sexan maiores de 18 anos. No caso das e dos influencers (persoas destacadas a nivel municipal e con capacidade de mobilización e influencia sobre outras grazas á demostración en primeira persoa dos beneficios que lles pode reportar o uso de ferramentas sociais) deben ser maiores de 18 anos e estar empadroadas nalgún dos concellos participantes.

Unha vez seleccionadas as e os participantes, 50 en cada concello, desenvolveranse sete accións formativas que versarán sobre a Administración electrónica, o Sergas en liña, a banca móbil, as redes sociais ou a creación de vídeos. Cada acción formativa terá unha duración de 5 horas, e ao final delas haberá un servizo de titorías, dun mínimo de 20 horas, co fin de que o alumnado adquira axilidade, destreza e desenvoltura no uso das ferramentas dixitais e poida formular dúbidas sobre os coñecementos adquiridos.

Ligazóns de interese