#CohesiónSocial

DIXITALÍZATE

“Hub contra a fenda dixital e a soidade non desexada”

A Deputación de Pontevedra pon en marcha o proxecto “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra”.


Este programa piloto, que se desenvolverá nos concellos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña, abordará os problemas derivados do cambio na demografía, o que implica tamén unha modificación dos marcos de convivencia no fogar e un cambio progresivo nas estruturas familiares, cada vez máis diversas, cun incremento substancial de persoas que viven soas. Por outra banda, o incremento da dixitalización dos procedementos das administracións públicas, ou das xestións bancarias e sanitarias, entre outros, é unha realidade, polo que a atención persoal se ve substituída pola autoxestión en liña. Esta circunstancia resulta especialmente relevante en contornas rurais, que contan cunha menor densidade de poboación, cada vez máis envellecida, e onde a prestación de servizos presenciais tende a desaparecer.

As administracións públicas deben promover a participación das persoas maiores na sociedade para contribuír de xeito importante a mellorar a autonomía e a calidade de vida, e aproveitar as vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías (telemedicina, teleasistencia etc.) co fin de reducir a fenda dixital e interxeracional.

No programa poderase participar en calidade de alumnado ou influencer. Enténdese por influencer aquela persoa destacada a nivel municipal e con capacidade de mobilización e influencia sobre outras, grazas á demostración en primeira persoa dos beneficios que lles pode reportar o uso de ferramentas dixitais.

As actividades formativas impartiranse de forma presencial nas aulas facilitadas por cada un dos concellos, dotadas do equipamento tecnolóxico e audiovisual preciso, que se sustentará nunha plataforma de formación innovadora, na que se habilitarán canles e contidos dinamizados polas e polos influencers e polo alumnado.

Serán as seguintes:

  • A Administración electrónica
  • A Sede electrónica da Deputación de Pontevedra
  • A Sede electrónica do meu Concello
  • Sergas, a súa aplicación electrónica e TELEA
  • Uso da banca móbil e as compras electrónicas
  • As redes sociais
  • Como crear o meu vídeo?

 

logo ministerio

Documentos