A Deputación destina nestes dous anos de goberno preto de 1,4 M€ a 129 asociacións e comunidades de augas da contorna de Pontevedra
O presidente provincial, Luis López, xunto ao deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, salientou na I Gala Provincia Comunitaria o compromiso do goberno da Deputación co movemento veciñal, con 1.000 colectivos do conxunto da provincia atendidos e 11,5 millóns de euros distribuídos en dous anos
13/12/2025
A Deputación de Pontevedra está a destinar nestes dous anos de goberno preto de 1,4 millóns de euros a 129 asociacións e comunidades de augas dos concellos de Barro, Campo Lameiro, A Lama, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Vilaboa. Son 65 comunidades de usuarios de augas destes concellos da contorna de Pontevedra as entidades que recibirán axudas por valor de preto de 700.000 € para mellorar as súa instalación e outras 22 máis de 94.000 € para regularizar as súas traídas. Pola súa banda, 42 asociacións e colectivos veciñais desta contorna serán beneficiadas con máis de 502.000 € para adquirir equipamento e mellorar e renovar as súas instalacións e locais sociais.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, xunto ao deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, salientou na I Gala Provincia Comunitaria o compromiso do goberno provincial co movemento veciñal, con 1.000 colectivos do conxunto da provincia atendidos e 11,5 millóns de euros distribuídos nestes primeiros dous anos de mandato. Tamén aproveitou para adiantar que no 2026 as liñas de axudas dirixidas ao tecido veciñal medrarán un 20% para seguir espallando recursos a un colectivo "que nos está permitir construír unha provincia máis avanzada, participativa e cohesionada", destacou o presidente.
No que respecta á contorna de Pontevedra, dous colectivos de Barro están a ser beneficiados con preto de 13.000 € das liñas de axudas provinciais para a Acción Comunitaria: +Aqua, Novaqua e Provincia Comunitaria. A comunidade de usuarios de augas de Valiñas recibiu preto de 9.200 € para realizar actuacións de impermeabilización de depósitos e a do Pazo-Cangrallo máis de 3.500 € para renovar a concesión.
De Campo Lameiro son seis as entidades que reciben preto de 65.500€ ao abeiro destas liñas de axudas provinciais. A comunidade de usuarios Cimadevila Laceiro benefíciase de 10.000 € para reducir perdas de auga e outras dúas comunidades de augas máis de 9.400 euros para renovar a concesión das súas traídas. Ademais, tres asociacións contarán con preto de 46.000 € para poñer en marcha obras de mellora dos seus locais e para adquirir equipamentos.
No caso da Lama, 14 entidades reciben preto de 172.000 €. Trátanse de catro comunidades de augas que, con preto de 50.000 €, van poder realizar obras de mellora nas súas infraestruturas, e outras dez asociacións contarán con 122.000 € para acometer reformas nos seus locais, adquirir unha carpa, equipamento e mobiliario e dotar de ramplas para mellorar a accesibilidade aos seus recintos.
Pola súa banda, no Concello de Poio 16 entidades reciben preto de 170.000 € das liñas de axuda de Acción Comunitaria da Deputación. Delas, 5 trátanse de comunidades de auga que con 48.000 € están a realizar melloras nas súas infraestruturas; outras 3, con 14.000 €, renovarán e regularizarán as súas traídas; e 8 asociacións, con preto de 107.000 €, poderán mellorar os seus locais sociais, adquirir equipamento e mobiliario ou construír rampla de acceso e executar melloras en cemiterios.
21 son as entidades do Concello de Ponte Caldelas que reciben preto de 240.000 € dos plans de Acción Comunitaria da Deputación. 14 comunidades de augas, con 166.000 €, realizaran melloras nos sistemas de control e da calidade da auga e nos seus depósitos, actuacións de eficiencia enerxética nas súas instalacións ou consturíran novos depósitos; 4 comunidades de augas, con preto de 19.000 €, renovarán as concesións das súas traídas; e 3 asociacións, con 54.000 €, levarán a cabo melloras nas súas instalacións e adquirirán mobiliario e equipamento para os seus locais sociais.
Ademais, 38 entidades do Concello de Pontevedra contarán con 272.000 €: 14 comunidades de augas recibirán 126.000 € para mellorar as traídas e o sistema de control e calidade, reparar depósitos e redes de distribución, realizar novas conexións con mananciais ou instalar novas tubaxes; 3 contarán con preto de 13.000 € para renovar as concesións das súas traídas; e 14 asociacións beneficiaranse de máis de 132.000 € para adquirir mobles e equipos técnicos e mellorar os seus locais sociais.
No caso de Vilaboa son 32 as entidades beneficiarias de preto de 357.000 € destas axudas provinciais. 19 comunidades de augas reciben preto de 270.000 € para instalar novas tubaxes, mellorar a calidade e o control da auga, acometer melloras na súas infraestruturas, instalar clorímetros e construír depósitos de auga. Outras 9, con máis de 46.000 €, renovarán as concesións das súas traídas, e 4 asociacións, con preto de 42.000 €, realizaran melloras nos seus locais e mercarán mobiliario e equipamento para mellorar a prestación dos seus servizos cara as persoas usuarias.
