Máis de 20.000 persoas participarán nas rutas que percorrerán a provincia co programa “En Ruta Coa Depo”

A iniciativa, da que se beneficiarán 374 asociacións, ofrece a posibilidade de pasar un día de convivencia en lugares emblemáticos do territorio a través de 33 rutas

16/06/2023

20.276 persoas de 374 asociacións da provincia desfrutarán este ano do programa “En Ruta coa Depo”.  A iniciativa da Deputación de Pontevedra ofrece a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio a través de 33 rutas temáticas co fin de vivir un día único. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución e delas 300 serán financiadas ao 100% para achegar o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.

Entre as rutas ofertadas este ano, as marítimas foron as que tiveron máis demanda. Entre elas destacan a ruta “Cultura mariñeira” que permite visitar O Mosteiro de Poio, a Illa de Tambo e Combarro (Poio); así como a que achega ás persoas á Illa da Toxa, o Museo da Salga do Grove e realiza un paseo en barco pola ría de Arousa con degustación de mexillóns; a que percorre as Illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés en Vigo; a que leva ás e aos visitantes á Illa de Ons e á localidade mariñeira de Portonovo, ou a de San Simón, que visita tamén o Castelo de Soutomaior, Ponte Sampaio e o Museo Meirande en Redondela. En canto as asociacións e entidades participantes, 122 son da comarca de Vigo, 102 da de Pontevedra, 42 de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, 41 do Salnés, 31 de Condado-Paradanta, 18 do Morrazo e 16 do Baixo Miño.

A finalidade de “En ruta coa Depo” é fomentar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia ao impulsar a igualdade de oportunidades para os colectivos con discapacidade, ofrecerlle alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da provincia e promover rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias das familias. O programa inclúe o desprazamento de ida e de volta en autobús desde os puntos establecidos nos concellos, onde as persoas participantes estarán acompañadas por unha ou un guía de turismo; unha visita guiada cunha persoa habilitada como guía de turismo especializada de Galicia, e un xantar.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 13 resultados.