Preto de mil persoas participan esta fin de semana no programa da Deputación “En ruta coa Depo”

Veciñas e veciños de Agolada, Baiona, Bueu, Cangas, A Estrada, Lalín, A Lama, Marín, Moaña, Ponteareas, Redondela, O Rosal, Silleda, Soutomaior e Vigo participan en 19 saídas para coñecer lugares singulares da provincia

01/09/2023

A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana 19 saídas no marco do programa provincial “En ruta coa Depo”, unha iniciativa que lles ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial. Entidades dos concellos de Agolada, Baiona, Bueu, Cangas, A Estrada, Lalín, A Lama, Marín, Moaña, Ponteareas, Redondela, O Rosal, Silleda, Soutomaior e Vigo mobilizarán un total de 967 persoas para coñecer lugares da provincia coma a Illa da Toxa, O Grove, a ría de Arousa, A Illa de Ons, as illas Cíes, o barrio mariñeiro do Berbés en Vigo, a illa de San Simón ou a illa de Tambo.

O sábado 2 de setembro nove entidades da provincia participarán no programa da Deputación “En ruta coa Depo”. Cara á Illa de Ons e Portonovo sairán a Asociación Veciñal de San Vicente e Canedo de Ponteareas, a Asociación Cultural Xeración Nós Borraxeiros de Agolada e a ANPA Covaterreña de Baiona. A Asociación Veciñal Deportiva e Cultural A Miñoteira de Redondela visitará a Illa da Toxa e o Museo da Salga do Grove. A Asociación de Veciños de Alxán de Soutomaior e a ANPA Os Muíños do CEIP Alexandre Bóveda farán o percorrido polas illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés, en Vigo. A ruta de cultura mariñeira polo mosteiro de Poio, a illa de Tambo e Combarro realizarana a Asociación de Veciños As Fontes de Lavadores de Vigo e a Asociación Mulleres en Igualdade do Rosal. Por último, a Asociación de Viticultores San Martín de Bueu percorrerá a illa de San Simón, o castelo de Soutomaior, Ponte Sampaio e o Museo Meirande de Redondela.

O domingo 3 participarán no programa son dez as entidades. A Asociación de Mulleres en Igualdade de Vigo, a Asociación Cultural Amigos da Vieira de Bueu e a Asociación de Mulleres de Seixido da Lama percorrerán a ría de Arousa. Ata as illas Cíes desprazaranse a Asociación Cultural Charaviscas de Domaio e a Asociación Cultural Museo do Mar de Marín. O Comité para a Xestión de Proxectos Europeos do Municipio de Silleda e a Asociación de Mulleres Rurais San Miguel de Cora visitarán A Illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo. A Asociación de Mulleres Escola Vella do Hío de Cangas e a Asociación Mulleres de Soutolongo de Lalín visitarán a illa de Tambo, Combarro e o mosteiro de Poio. Finalmente, a Asociación cultural San Nicolás de Prado de Ponteareas percorrerá o Museo Meirande de Redondela, o castelo de Soutomaior, Ponte Sampaio e a illa de San Simón.

A través de “En ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra fomenta a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións da provincia. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100 % co obxectivo de achegarlles o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.