A Deputación avanza que destinará preto de 300.000 euros á ampliación das redes de saneamento e abastecemento de auga de Cambados

Os deputados provinciais Javier Tourís e Marcos Guisasola visitaron hoxe as zonas na que se levará a cabo unha intervención que será financiada integramente polo organismo a través do Plan +Provincia

06/05/2025

Ampliación das redes de saneamento e abastecemento de auga de Cambados

Os deputados provinciais Javier Tourís e Marcos Guisasola visitaron hoxe Cambados, onde anunciaron que a Deputación se encargará de financiar integramente as obras de ampliación das redes de saneamento e abastecemento de auga nas parroquias de Vilariño, Corvillón, Castrelo e Cambados con preto de 300.000 euros procedentes da liña 1 do Plan +Provincia. Javier Tourís adiantou que os recursos serán aprobados este mesmo venres na Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra e recordou que o organismo provincial destina este ano a Cambados máis dun millón de euros no marco do +Provincia.

O deputado provincial deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, que buscan dotar de servizo a vivendas deste municipio que actualmente carecen de conexión á rede de sumidoiros, ademais de reforzar a rede de subministro de auga potable, mellorando a súa capacidade e cobertura. O proxecto estrutúrase en dez actuacións diferenciadas: oito centradas en saneamento e tres no abastecemento. Entre outros, en Fornos prevese a instalación de varios colectores e a execución dun novo bombeo; en Tragove e Cortiñas de Abaixo tamén se levarán a cabo obras para conectar vivendas illadas á rede xeral; en Xesteira e Pasapeixón substituiranse bombas na estación existente; na avenida de Vilagarcía executarase un novo ramal que conectará coa rede de abastecemento existente, e en Baltar (Castrelo) e Sameiro (Vilariño) instalaranse novas tubaxes para conectar vivendas actualmente sen servizo ou con deficiencias no subministro.

Tourís puxo en valor o Plan +Provincia, un programa que representa "á perfección a nosa forma de traballar, escoitando, atendendo e dando resposta ás demandas dos concellos para transformalos e, así, conseguir que esta provincia avance como nunca antes fixera". E asegurou que "plans como este permiten que concellos como Cambados poidan afrontar investimentos e impulsar actuacións transformadoras, que modernizan o territorio e melloran a calidade de vida das nosas veciñas e veciños".