A Deputación abre ata o 28 de febreiro o prazo para que as compañías de teatro e danza galegas inscriban, dean de baixa ou modifiquen espectáculos no catálogo +Escénicas
Integran este catálogo compañías de teatro e danza con funcións en lingua galega que o organismo provincial está a levar aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes
02/02/2026
A Deputación de Pontevedra abre ata o 28 de febreiro o prazo de inscrición, baixa ou modificación de espectáculos no catálogo +Escénicas. Un catálogo do que forman parte compañías de teatro e danza con espectáculos en lingua galega que o organismo provincial está a levar aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes.
+Escénicas trátase dun circuíto posto en marcha polo goberno de Luis López co obxectivo de impulsar a programación e representación de funcións de teatro e danza por parte de artistas e compañías profesionais galegas nos espazos dos concellos menos poboados da provincia. O obxectivo é alcanzar unha programación cultural estable, continua e de calidade, conxugando a colaboración entre entidades e a promoción da diversidade de propostas artísticas do sector profesional.
Con +Escénicas a Deputación cumpre co seu obxectivo de favorecer o acceso á cultura por parte de toda a veciñanza da provincia e a dar resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Nestes momentos a Deputación de Pontevedra ten en marcha a segunda edición de +Escénicas, cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria, e un total de 136 funcións que se veñen representando desde a primavera do 2025 e ata marzo do 2026.