A Deputación abre este martes o prazo para inscribirse nos percorridos do programa provincial +Bosques do mes de xullo
Esta iniciativa, que promove o contacto directo coa natureza, permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos baños de bosques con percorridos por Barro, Silleda, Poio, Pontevedra, Campo Lameiro e Valga
20/06/2026
A Deputación de Pontevedra abre o vindeiro martes 23 de xuño ás 9:00 horas o prazo para inscribirse nos percorridos de xullo do programa +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e permitirá gozar das vantaxes dos baños de bosques. Nesta nova edición, as persoas participantes poderán gozar dos espazos naturais de Barosa (Barro), Carboeiro (Silleda), illa de Tambo (Poio), Pazo de Lourizán (Pontevedra), Maneses (Campo Lameiro), río Lérez (Pontevedra) e Fervenzas de Parafita e Raxoi (Valga).
+Bosques chegará a sete espazos da costa e o interior da provincia e permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do baño de bosque e a conexión directa en e coa natureza. Deste xeito, promoverase a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como realizaranse exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia. Por estes motivos cada ruta está limitada a un máximo de 15 persoas.
Os percorridos do mes de xullo desenvolveranse por Lourizán os días 4 e 26, pola beira do río Lérez o día 5, pola Barosa o 11, chegará á Illa de Tambo o 12, á beira do río Maneses o 18, a Valga o 19 e ao Mosteiro de Carboeiro o 25. Xa en agosto +Bosques continuará polo río Lérez, o 1 e o 23, por Barosa o 2 e o 29, por Lourizán o 8 e o 30, pola Illa de Tambo o 9, por Valga o 15, por Carboeiro o 16 e por Maneses o 22. Pola súa banda, en setembro o programa chegará ás beiras do río Lérez, os días 5 e 26, a Carboeiro, o 6 e o 27, a Lourizán o 12, a Valga o 13, a Barosa o 19 e rematará o 20 de setembro nas beiras do río Maneses. Para os percorridos de agosto a inscrición ábrese o 20 de xullo e para os de setembro o 24 de agosto, en todos os casos a partir das 9:00 horas.