A Deputación leva este venres o ciclo de Artes Vivas da Bienal de Pontevedra a Ponteareas coa actuación de Janet Novás nas Naves de Aceros del Tea

A institución provincial leva ata a capital do Condado unha das creadoras escénicas máis recoñecidas do panorama actual, Janet Novás, que presentará a súa nova proposta She Night este venres ás 20:00 horas

16/07/2025

Janet Novás

A Deputación leva este venres o ciclo de Artes Vivas da Bienal de Pontevedra, comisariado por Iñaki Martínez Antelo, ata Ponteareas. Esta iniciativa, que ten por obxectivo activar espazos urbanos, patrimoniais e industriais para convertelos en escenarios efémeros abertos ao público buscando conectar a creación contemporánea co territorio e os seus habitantes, chega a partir das 20:00 horas ás Naves de Aceiros del Tea da man de Janet Novás e a súa proposta She Night.

O ciclo de Artes Vivas da Bienal de Pontevedra pretende favorecer novos encontros e experiencias culturais.  De feito She Night de Novás, unha das creadoras escénicas máis recoñecidas do panorama actual, marca o inicio dun novo proceso de investigación da artista, onde regresa ao traballo en solitario para recoller os materiais das súas dúas últimas creacións, Proto#SN1806 e Where is Janet? pechando así unha triloxía clave na súa carreira. Tal e como explica Novás, "para este proxecto teño o desexo de crear un espectáculo, unha película, un concerto, ser actriz, cantante e bailarina. Quero combinar todas as miñas inquietudes como artista e deixarme levar polo pracer de facer (...). She Night é unha ficción que me convida a voar para ser sen ter que explicarme. Unha criatura que nace da escuridade e fala daquilo que non se ve, pero está."

Janet Novás (O Porriño, 1982) é bailarina e creadora. Formada en danza contemporánea entre Madrid, Bruxelas e Berlín, comezou en 2008 a desenvolver os seus propios proxectos, cunha linguaxe artística propia que destaca pola súa carga emocional e sinxeleza estética. As súas obras foron presentadas en prestixiosos festivais nacionais e internacionais, e ten colaborado con artistas como Mercedes Peón e as deseñadoras de moda Zap&Buj. Recentemente, deu o salto ao cinema como protagonista de O corno, filme dirixido por Jaione Camborda, gañador da Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián. A súa interpretación valeulle o Premio Goya á Mellor Actriz Revelación 2024, consolidándoa tamén como referente na escena audiovisual.

Enlaces de interés

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.