A Deputación leva a Vigo o ciclo Artes Vivas da Bienal de Pontevedra este venres coa actuación de Marc Vives
A performance “SSSSS”, que xorde da experiencia do autor nadando ao longo da Costa Brava cunha cámara suxeita á cabeza, celebrarase ás 20:00 horas no Museo do Mar
26/08/2025
O ciclo de Artes Vivas da Bienal de Pontevedra chega a Vigo cunha performance de Marc Vives, que estreará en Galicia a súa peza "SSSSS" este venres ás 20:00 horas no Museo do Mar de Galicia. Comisariado por Iñaki Martínez Antelo, Artes Vivas ten a súa base en Pontevedra pero está a expandirse por diferentes puntos da provincia, activando deste xeito espazos urbanos, patrimoniais e industriais que se transforman en escenarios efémeros abertos ao público. Esta itinerancia busca conectar a creación contemporánea co territorio e os seus habitantes, favorecendo novos encontros e experiencias culturais.
O Museo do Mar de acollerá a performance de Marc Vives, artista que en 2018 decidiu adoptar a rutina de nadar desde a praia de La Barceloneta ata aliñarse coa montaña de Montjuïc e tratar de comunicarse con ela. Este exercicio derivou nunha serie de obras performativas, fotografías, debuxos, vídeos e pezas de audio. No vídeo "SSSSS" (iniciais de area, mar, sol, sexo e sangría en inglés), Vives nada ao longo da Costa Brava cunha cámara suxeita á cabeza, creando unha experiencia desconcertante e fragmentaria dunha paisaxe costeira máis ou menos familiar que inclúe beleza salvaxe e monstros construídos polo home.
A partir dese vídeo desenvolve a performance que presenta "SSSSS", que o artista describe como "unha serie de exercicios de voz baseados na miña experiencia de 'cantarlle' á paisaxe desde o mar, e atraer esta calidade líquida ás estruturas que nos rodean co obxectivo de repolitizalas en sentido relacional". O artista sinala que o obxectivo é "provocar un cambio dramático de base, da perda humana do terreo, de cimentos firmes, de equilibrio, do punto de vista da terra firme", e finaliza definindo o seu traballo como unha exposición dun "paralelo entre a boca e o espazo escénico onde se sitúa, transformándose cada vez, sendo os sons emitidos procedentes á vez de dentro e fóra do corpo".
Marc Vives Muñoz (1978, Barcelona) canta e nada entre as artes escénicas e as visuais. Traballa coa materialidade da voz na súa potencialidade escultórica co obxectivo de infiltrarse en arquitecturas, paisaxes e otres cuerpes e reformular unha orde establecida. Fíxase nas tradicións e nas formas de manifestación colectiva. O seu ámbito de afectación excede a práctica artística e dedícase á pedagoxía, ao comisariado ou á xestión, co cal busca transformar colectivamente o modelo contextual.
