Luis López remarca o incremento de preto dun 50% nas axudas ao deporte de alto nivel, que pasan dos 275.000 aos 405.000 euros

A Xunta de Goberno da Deputación acaba de aprobar a liña de axudas dirixida aos deportistas de alto nivel e promesas, que distribuirá recursos que oscilan entre os 500 e os 3.000 euros

30/05/2025

Conferencia de prensa de Luis López

Luis López remarca o incremento de case o 50% nas axudas ao deporte de alto nivel, que pasan dos 275.000 aos 405.000 euros e cuxas bases acaba de aprobar a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra. Esta liña de axudas provincial, dirixida a deportistas de alto nivel e promesas, distribuirá recursos que oscilan entre os 500 e os 3.000 euros. “Esta é a provincia do deporte –asegurou o presidente provincial-  e nós seguimos sumando recursos, como nunca antes se fixera, cos que demostramos con feitos que a nosa aposta polo deporte é unha realidade e que estamos a traballar con forza para espallar o enorme talento deportivo desta provincia”.

López recordou que no 2024 rexistrouse un 43% máis de demandas das axudas DEPO_DAN, DEPO_DAN + e DEPO_TALENTO, “así que puxémonos mans á obra para conseguir sumar neste orzamento do 2025 130.000 euros máis, de xeito que ninguén quede sen recursos para poder seguir progresando no deporte de alto nivel”. Neste eido, o presidente detallou que as axudas DEPO_DAN e DEPO_DAN+ (discapacidade física, intelectual ou visual) van dirixidas a deportistas, adestradores ou xuíces e árbitros nados ou empadroados na provincia de Pontevedra co recoñecemento de alto nivel de Galicia ou de España. Pola súa banda, as axudas DEPO_TALENTO beneficiarán aos deportistas nados entre 2008 e 2013 que teñan acadado algunha das tres primeiras posicións en campionatos de España ou participasen en campionatos de Europa ou do mundo.

No primeiro caso, DEPO_DAN,  as axudas serán de entre 500 e 2.000 euros segundo a súa clasificación en copas e campionatos do mundo, de Europa, de España ou de Galicia. Así obterán 2.000 os que acadaron algún dos tres primeiros postos en copas do mundo; 1.250 os que conseguiron o 4º posto en copas do mundo ou os tres primeiros en campionatos de Europa; 900 € os que alcanzaron o 4º posto en copas de Europa ou os tres primeiros en campionatos de España e 500 os que obtiveron o 4º posto na copa de España ou os tres primeiros na de Galicia.

Pola súa banda, na modalidade DEPO_DAN+, para deportistas de alto nivel con discapacidade física, intelectual ou visual, as axudas oscilarán entre os 1.000 e os 3.000 segundo a súa clasificación en copas e campionatos do mundo, de Europa, de España ou de Galicia. Así, obterán 3.000 € os que acadaron algún dos tres primeiros postos en copas do mundo; 2.000 € os que alcanzaron o 4º posto en copas do mundo ou algún dos tres primeiros en campionatos de Europa; 1.500 € se conseguiron o 4º posto en campionatos de Europa ou algún dos tres primeiros en campionatos de España; e 1.000 se obtiveron o 4º posto en probas de España ou os tres primeiros en copas galegas.

No caso de DEPO_TALENTO, as axudas abranguerán entre os 500 e os 1.200 euros en función dos resultados da xoves promesas en copas do mundo, de Europa ou de España: 1.200 € serán para os que alcanzaron os tres primeiros postos en copas do mundo;  800 € para os que obtiveron o 4º posto en copas do mundo ou os tres primeiros en campionatos de Europa e 500 e para os que conseguiron o 4º posto en campionatos de Europa ou os tres primeiros en probas de España.

videos

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.