A Deputación destina 550.000 euros para apoiar o deporte náutico da provincia de Pontevedra
O presidente Luis López explicou que esta liña de axudas para os clubs deportivos que participan en competicións de piragüismo, remo e vela medra este ano 50.000 euros
02/05/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe en conferencia de prensa que a Xunta de Goberno acaba de aprobar as subvencións para apoiar aos clubs náuticos de piragüismo, vela e remo neste 2025, dotadas con 550.000 euros, 50.000 euros máis que no 2024. "Estas subvencións son unha proba máis do noso compromiso co deporte, que se traduce en recursos concretos para promover a práctica deportiva e para impulsar todas as modalidades, apoiando aos clubs e federacións de todas as disciplinas para que esta provincia siga a ser un grande referente", asegurou Luis López.
En concreto, estas achegas están dirixidas aos clubs deportivos sen ánimo de lucro da provincia que participen en competición oficiais de calquera ámbito territorial no piragüismo, ao que se destinan 305.000 euros; remo, con 155.000 euros, ou vela, con 90.000 euros.
As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva, e cada club poderá recibir un máximo de 25.000 euros, sempre que non supere o 40% do orzamento presentado. Entre os gastos que poden subvencionar as entidades deportivas atópanse os gastos federativos, os de competición e adestramento, os de persoal, de material deportivo ou sanitarios.
