A Deputación abre este xoves o prazo para que entidades sen ánimo de lucro opten a axudas para desenvolver festivais audiovisuais na provincia

A liña de axudas está dotada con 165.000 euros, un 10 % máis que o aprobado polo anterior Goberno da Deputación, e ten por obxectivo apoiar a organización de festivais ou certames cinematográficos na provincia que lle dediquen especial atención ao cine en galego

10/04/2024

A Deputación de Pontevedra abre este xoves, 11 de abril, o prazo para que entidades sen ánimo de lucro opten a axudas económicas para desenvolver festivais audiovisuais na provincia. Esta liña de subvencións está dotada con 165.000 euros, un 10 % máis que o aprobado polo anterior Goberno da Deputación, e ten por obxectivo apoiar a organización de festivais ou certames cinematográficos na provincia que lle dediquen especial atención ao cine en galego.

Para beneficiarse destas axudas, as entidades sen ánimo de lucro con domicilio fiscal na provincia e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia no ámbito territorial de Pontevedra deberán promover festivais durante o 2024 cunha duración mínima de 4 días e cun mínimo de 20 proxeccións. Ademais, estes festivais deben incluír, polo menos, unha programación de cinco sesións ou un 10 % dos títulos de produción ou dirección galegas, levar catro edicións consecutivas celebrándose, incluír na programación actividades paralelas educativas ou formativas, e empregar a lingua galega na comunicación e no desenvolvemento do seu programa de actividades.

A axuda concedida a cada entidade solicitante non poderá superar o 50 % do orzamento presentado para levar a cabo festivais ou certames cinematográficos e, con estes recursos provinciais, poderanse subvencionar tanto o alugueiro de espazos e equipamentos para as proxeccións coma gastos de contratación de servizos técnicos e profesionais e de dereitos de exhibición ou subtitulado de películas. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado a partir deste xoves.