A Deputación ultima o prazo para solicitar as axudas provinciais para financiar o servizo de información e atención ao público nas oficinas da rede Info Rías Baixas, por valor de 280.000 €

Esta liña de axudas, cuxo prazo de solicitude permanece aberto ata o próximo luns 2 de marzo, está dotada este ano con 20.000 € máis que no 2025, cando foron beneficiadas 29 oficinas turísticas da provincia

24/02/2026

A Deputación de Pontevedra ultima o prazo para solicitar as axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para financiar o servizo de información e atención ao público nas oficinas da rede Info Rías Baixas, por valor de 280.000 €. Esta liña de achegas, cuxo prazo de solicitude permanece aberto ata o próximo luns 2 de marzo, está dotada este ano con 20.000 € máis que no 2025, cando foron beneficiadas 29 oficinas turísticas da provincia.

Trátase dunha liña de axudas que ten por obxectivo contribuír á profesionalización e ao impulso do sector turístico, fundamental para a economía da provincia de Pontevedra, garantindo unha atención de calidade e o experiencias únicas entre as persoas visitantes. Neste eido, con estes recursos provinciais financiaranse ben os custos salariais das e dos empregados públicos que informan e atenden as oficinas da rede Info Rías Baixas, ben os gastos derivados da contratación da prestación do servizo.

En liñas xerais, destinaranse 14.000 € para financiar os custos derivados da posta a disposición de dúas persoas e 7.000 € se se trata dunha persoa. En calquera caso, o importe non poderá exceder do 75% do orzamento e os recursos poderanse solicitar durante un mes a partir da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.