A Deputación publica as bases dos Campamentos A Lanzada, nos que participarán este verán máis de 1.500 rapaces da provincia

As nenas e nenos nados entre o 2013 e 2018 poderán gozar dunha completa oferta de ocio na Lanzada, a través de 11 quendas de 7 días de duración entre o 21 de xuño e o 5 de setembro. O prazo de solicitude de prazas estará operativo entre o 2 e o 20 de marzo

23/02/2026

A Deputación publica as bases dos Campamentos A Lanzada, nos que participarán este verán máis de 1.500 rapaces da provincia

A Deputación de Pontevedra acaba de publicar no Boletín Oficial da Provincia as bases dos Campamentos A Lanzada 2026, que ofertarán este verán 1.540 prazas para nenos e nenas empadroadas na provincia e nadas entre o 2013 e o 2018. O prazo de solicitude do programa, que conta cun orzamento de 450.000 €, estará aberto entre o 2 e o 20 de marzo.

Das 1.540 prazas ofertadas, 1.330 seguirán o procedemento xeral tendo que aboar 110 € por praza ou 80 € no caso de familias numerosas ou monoparentais. As 210 restantes resérvanse para menores en situación ou risco de exclusión e serán financiadas ao 100% polo organismo provincial. Os campamentos terán lugar ao longo do verán a través de 11 quendas de 7 días de duración, de domingo a sábado, e desenvolveranse entre o 21 de xuño e o 5 de setembro (a falta de concretar a data de inicio do curso escolar 2026/2027).

Na semana nas instalacións da Lanzada as nenas e nenos participantes desfrutarán dun programa de actividades socioculturais, recreativas, formativas, ambientais, científicas e de convivencia, aloxamento en tendas de campaña en réxime de pensión completa e saídas educativas e de lecer. As actividades serán dirixidas por un equipo técnico especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre, náuticas, científicas e lingua inglesa.