A Deputación leva este domingo a máis de 50 persoas da provincia a desfrutar do programa de termalismo +Benestar
Veciños e veciñas de 15 concellos da provincia gozarán de estancias no Talaso Hotel Louxo La Toja, situado no Grove
01/03/2025
54 persoas de 15 concellos da provincia desfrutarán a próxima semana do programa de termalismo da Deputación de Pontevedra +Benestar cunha estadía no Talaso Hotel Louxo La Toja, situado no Grove. En concreto, trátase de persoas dos concellos de Cangas, A Cañiza, Forcarei, A Guarda, Mos, Poio, O Porriño, Redondela, Silleda, Soutomaior, Tui, Vigo, Vila de Cruces, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa, que poderán gozar destas estancias a partir deste domingo 2 de marzo.
No marco do programa de termalismo +Benestar, preto de 2.200 persoas de máis de 55 anos de 60 concellos da provincia pasarán seis días e cinco noites en balnearios, talasos ou spas de Sanxenxo, Mondariz, O Grove e Lalín. A Deputación de Pontevedra pretende con esta iniciativa facilitar aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros e, ao mesmo tempo, dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.
O organismo provincial subvenciona 2.097 das prazas de réxime xeral con 100 €, e outras 30 de réxime especial están subvencionadas con 400 €, mentres que os usuarios deben facerse cargo da cantidade restante. Ademais da estadía, o paquete comprende a pensión completa, o uso do spa, do balneario ou doutras instalacións de características similares un mínimo de dúas horas ao día, e o traslado de ida e volta en autobús aos establecementos desde os concellos de Vigo ou Pontevedra.