A Deputación leva este xoves ata Catoira a xeira de contacontos ‘Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas’
Trátase dunha actividade organizada pola institución provincial en colaboración con Polo Correo do Vento co gallo das Letras Galegas que se desenvolverá no CPI de Progreso ás 11:30 horas
17/06/2025
A Deputación de Pontevedra leva este xoves, 19 de xuño, ata Catoira a xeira de contacontos 'Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas' organizada en colaboración coa compañía Polo Correo do Vento co gallo das Letras Galegas. A cita terá lugar ás 11:30 horas no CPI de Progreso e continuará ao longo dos próximos meses ata completar as 35 citas programadas destes obradoiros por todo o territorio provincial.
A Deputación ofrece de balde aos concellos da provincia esta actividade co fin de divulgar entre a infancia o papel fundamental das cantareiras para a conservación e difusión da lingua galega. Neles, percorrerase a biografía destas mulleres (personificadas nalgunhas figuras como as de Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema e mais Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens, de Malpica) dun xeito ameno e participativo. Tamén interpretarán as pezas que cantaban estas mulleres, ademais de pezas propias de cada unha das localidades onde se desenvolvan as accións, e os contacontos rematarán cun obradoiro de debuxo no que os nenos e nenas terán que realizar unha caricatura dunha pandeireteira.
Ata a data xa está confirmada a chegada desta actividade a Redondela o 20 de xuño ás 19:00 horas nos Xardíns da Xunqueira e o 21 de xuño ás 18:30 horas no Pazo de Mos. En xullo a actividade chegará a Ponteareas, Portas, Vilagarcía de Arousa, O Porriño, Gondomar, O Grove, O Rosal, Oia, Cuntis, Pontecesures, Pazos de Borbén, Mondariz, Cambados, Meaño, Ribadumia, Moraña, A Lama, Ponte Caldelas, Cangas do Morrazo e Soutomaior.