A Deputación leva este venres a Salvaterra de Miño e Ponteareas a xeira de contacontos ‘Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas’
As actividades, organizadas pola institución provincial en colaboración con Polo Correo do Vento co gallo das Letras Galegas, celebraranse na Casa da Cultura de Salvaterra de Miño ás 10:00 horas e no Parque da Perillana de Ponteareas ás 11:30 horas
02/07/2025
A Deputación de Pontevedra leva este venres 4 de xullo a xeira de contacontos ‘Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas’, organizada en colaboración coa compañía Polo Correo do Vento co gallo das Letras Galegas, aos concellos de Salvaterra de Miño e Ponteareas. A cita terá lugar este venres ás 10:00 horas na Casa da Cultura de Salvaterra e ás 11:30 no Parque da Perillana de Ponteareas, e continuará ao longo dos próximos meses ata completar as 35 citas programadas ao longo de todo o territorio provincial.
A Deputación ofrece de balde aos concellos da provincia esta actividade co fin de divulgar entre a infancia o papel fundamental das cantareiras para a conservación e difusión da lingua galega. Nela percorrerase a biografía destas mulleres (personificadas nalgunhas figuras como as de Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema e mais Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens, de Malpica) dun xeito ameno e participativo. Tamén interpretarán as pezas que cantaban estas mulleres, ademais de pezas propias de cada unha das localidades onde se desenvolvan as accións, e os contacontos rematarán cun obradoiro de debuxo no que os nenos e nenas terán que realizar unha caricatura dunha pandeireteira.
Despois destes obradoiros en Salvaterra de Miño e Ponteareas, a actividade tamén chegará en xullo a Portas, Vilagarcía de Arousa, O Porriño, Gondomar, O Grove, O Rosal, Oia, Cuntis, Pontecesures, Pazos de Borbén, Mondariz, Cambados, Meaño, Ribadumia, Moraña, A Lama, Ponte Caldelas, Cangas do Morrazo e Soutomaior.