A Deputación organiza este xoves 20 no Castelo de Soutomaior a última Cata con Historia cunha degustación a cegas dos viños da D.O. Rías Baixas

O programa, que esgotou as 45 prazas das súas tres quendas en menos de trinta minutos, achega a historia do castelo e os viños da Denominación de Orixe a cargo do sommelier Jacobo Rivas

18/08/2026

A Deputación organiza este xoves 20 no Castelo de Soutomaior a última Cata con Historia cunha degustación a cegas dos viños da D.O. Rías Baixas

Un grupo de 15 persoas participará este xoves 20 de agosto no Castelo de Soutomaior na última das actividades do programa Cata con Historia, promovido pola Deputación de Pontevedra para achegarse á historia do castelo e aos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. Nesta ocasión a actividade celebrarase baixo o título “O reto do sommelier”, e estará a cargo do sommelier Jacobo Rivas, encargado da selección completa dos viños de cada unha das citas. As prazas para esta e a totalidade das tres quendas organizadas este ano en Cata con Historia, nas que participarán un total de 45 persoas, esgotáronse en tan só trinta minutos desde a apertura das inscricións o pasado venres 31 de xullo.

A actividade deste xoves é unha cata a cegas por parellas ou pequenos grupos, guiada con pistas de Jacobo Rivas e combinada con produto local de temporada. Trátase dun formato lúdico e participativo e dunha cita co viño, coa memoria e a paisaxe. As actividades deste ano estreáronse o 6 de agosto con “Rías Baixas de norte a sur”, unha cata horizontal que percorreu as cinco subzonas da D.O. Rías Baixas (Val do Salnés, Condado do Tea, O Rosal, Ribeira do Ulla e Soutomaior) para amosar como o chan e a proximidade ao mar transforman o albariño e outras variedades autóctonas.

A segunda das citas foi o mércores 12, coincidindo coa eclipse e baixo o nome “A eclipse no viñedo”, combinando a cata coa observación do fenómeno. A sesión avanzou “de luz a sombra”, dos viños máis novos e luminosos aos de maior crianza, mentres todas as persoas asistentes contarán con material homologado para seguir a eclipse, da que haberá unha breve explicación. A cata contará con maridaxe de produto local de tempada.

Os viñedos do Castelo de Soutomaior, que se estenden en catro hectáreas (o recinto ten unha extensión de 23), foron plantados en 1984. A uva é autóctona, na súa maioría albariña, con presenza doutras variedades brancas como o godello, torrontés, loureiro e treixadura, e mesmo tintas, como o mencía e o sousón.