Luis López participa en Cambados nos actos de celebración do Día das Artes Galegas, dedicado este ano ao escultor pontevedrés Francisco Asorey

O presidente da Deputación, acompañado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela, asistiu a un acto que demostra o arraigo que ten a escultura na provincia de Pontevedra

06/04/2024

celebración do Día das Artes Galegas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou este sábado nos actos de celebración do Día das Artes Galegas, dedicado este ano ao escultor cambadés Francisco Asorey. A gala, promovida desde 2015 pola Real Academia das Artes Galegas, celebrouse no auditorio municipal de Cambados e contou cunha conferencia, a cargo do académico Felipe Senén López Gómez, sobre a vida, a obra e a transcendencia deste artista nacido na provincia de Pontevedra.

Acompañado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela, o mandatario provincial participou nun acto no que o académico explicou a traxectoria dun escultor que naceu nesta vila do Salnés no ano 1889 para converterse nun dos renovadores da arte galega, cunha intensa, singular e monumental obra repartida por toda Galicia, País Vasco, Cataluña, Bos Aires e Montevideo. A súa obra, de carácter modernista e que busca os contrastes, mesmo de pedras e madeiras, caracterízase polo simbolismo baseado nas tradicións galegas, as que entendía nesa interrelación céltica de paisaxe e paisanaxe.

Desde a Deputación de Pontevedra ponse en valor a elección de Francisco Asorey para festexar este ano o Días das Artes Galegas; unha elección que demostra a longa tradición e o arraigo que ten a arte, concretamente a escultura, na provincia de Pontevedra.