O Ciclo Mestre Mateo continúa este luns na Estrada coa proxección do documental “A foreign song”

Os Minicines Central acollerán, ás 17 horas, o pase do filme dirixido por César Souto

22/10/2023

O Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia, continúa este luns 23 na Estrada. Deste xeito, os Minicines Central acollerán, ás 17 horas, o pase do filme A foreign song, de César Souto, finalista nas categorías de mellor documental, mellor dirección de fotografía e mellor dirección de produción nestes premios.

Este documental galardoado ademais cos premios á mellor longametraxe e mellor dirección española no Festival de Xixón 2022, aborda a figura do poeta modernista estadounidense Wallace Stevens, cuxa rutineira vida escondía o autor dunha das obras poéticas máis singulares do século XX. Traballou nunha compañía de seguros durante 40 anos. Todos os días erguíase ás 6 e deitábase ás 9. Nos seus días tranquilos non hai peripecias salientables, nin grandes dramas. Cando se lle pediu un resumo biográfico para presentar a súa obra, o poeta negouse a escribilo. Cría profundamente que a poesía non é persoal e que a voz que estaba detrás dos seus poemas era en realidade a voz dun outro.

Ademais da Estrada, o ciclo chegou este ano aos concellos da Guarda, Caldas de Reis, O Grove e Baiona. Estes municipios continúan a exhibir unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como mellor documental, mellor longametraxe de animación e mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo.

O resto de títulos do programa son, ademais de A foreign song, os documentais Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022) e No somos nada (Javier Corcuera, 2022), así como o filme de animación Valentina (Chelo Loureiro, 2022) e as películas Live is Life (dirixida por Dani de la Torre) e Código Emperador (Jorge Coira, 2022).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 13 resultados.