O Grove acolle este venres 6 a proxección do documental sobre María Casares ao abeiro do Ciclo Mestre Mateo

O pase da película gañadora na categoría de mellor documental nos galardóns do audiovisual galego terá lugar ás 20:00 horas no Auditorio Municipal 

05/10/2023

O Grove acolle este venres 6 de outubro unha nova proxección da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, que promoven a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra para achegarlles aos concellos da provincia as longametraxes de ficción e os documentais finalistas dos premios do audiovisual galego. Deste xeito, ás 20:00 horas terá lugar no Auditorio Municipal o pase do documental María Casares, a muller que viviu mil vidas, gañador desta categoría na edición deste ano dos galardóns.

Con guión e dirección de Xavier Villaverde, o filme propón unha aproximación íntima e profunda á vida da actriz, unha figura magnética e fundamental nas artes escénicas da Europa do século xx. Trátase dunha homenaxe desde a súa Galicia natal, a cal que nunca esqueceu, no marco do primeiro centenario do o seu nacemento. Ao longo do documental interveñen María Lopo, Emilio Grandío, Manolo Rivas, Mabel Rivera, Johanna Silberstein, Jorge Lavelli, Marion Chénetier-Alev e Manolo Lourenzo.

Ademais do Grove, os outros concellos nos que recala esta segunda edición do Ciclo Mestre Mateo son Baiona, A Guarda, Caldas de Reis e A Estrada. Estes municipios exhibirán ata novembro unha programación que inclúe tamén as películas Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas, respectivamente, como mellor longametraxe de animación e mellor longametraxe na última edición dos Premios Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo.  

O resto de títulos do programa son os traballos finalistas destes premios, coma os documentais Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022), A Foreign Song (César Souto, 2022), gañadora dos premios á mellor longametraxe española e mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón, e No somos nada (Javier Corcuera, 2022), estreado no Festival de Cine de San Sebastián. Tamén os filmes Valentina (Chelo Loureiro, 2022), gañador do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española, e Código Emperador (Jorge Coira, 2022), estreado no XXIV Festival de Málaga.

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.