A Deputación leva este mércores ao IES Salvaterra de Miño a proxección do documental “Prefiro condenarme” no marco do Ciclo Mestre Mateo

A proxección do documental de Margarita Ledo, dirixida ao alumnado do centro, terá lugar ás 16:30 horas

26/10/2025

O IES Salvaterra de Miño acolle este mércores 29 de outubro ás 16:30 horas a proxección do documental “Prefiro condenarme”, de Margarita Ledo. A actividade forma parte do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia.

O documental “Prefiro condenarme” conta a historia das mil caras de Sagrario, mariscadora na ría de Ferrol, cun ambiente familiar en perpetuo desasosego e un xuízo por adúltera aos 33 anos. Sagrario colócase fóra da regra e ao desobedecer reivindica o desexo como lei non escrita, así como a igualdade coas de “arriba” ás que ninguén critica.

A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo desenvólvese tamén este ano en Marín, Mondariz, Salvaterra de Miño e Vilanova de Arousa. Ademais de “Prefiro condenarme” en Salvaterra do Miño neste mes de outubro proxectáronse curtametraxes, os documentais “Filmei paxaros voando”, “Salvaxe, salvaxe” e “Aurora”, e as longametraxes “As Neves”, “+Cuñados”, “Honeymoon” e “Xustiza artificial”.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.