Luisa Sánchez manifesta que “hoxe, o fin das obras do Teatro Cine Fraga está máis preto de materializarse para volver abrir este edificio aos vigueses e viguesas”
A vicepresidenta provincial xunto co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou o edificio, adquirido por ambas as dúas administracións para anunciar que a Xunta licita por 1 M€ a redacción do proxecto e a dirección das obras do Teatro Cine Fraga
31/07/2025
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra amosou a súa satisfacción porque “hoxe, o fin das obras do Teatro Cine Fraga está máis preto de materializarse para volver abrir este edificio aos vigueses e viguesas”. Así o declarou na visita que acaba de realizar xunto co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, ao edificio, adquirido por ambas as dúas administracións, e na que se anunciou que a Xunta licita por 1 millón de euros (IVE engadido) a redacción do proxecto e a dirección das obras do Teatro Cine Fraga.
A Xunta de Galicia en coordinación coa Deputación de Pontevedra acaba de iniciar o trámite por exclusividade do contrato para que sexa o arquitecto César Portela, autor e propietario intelectual do proxecto orixinal e director das actuacións xa executadas, quen asuma esta responsabilidade de rematar os traballos do inmoble adquirido por ambas as dúas administracións.
“Tras máis de 20 anos pechado –asegurou a vicepresidenta provincial- o traballo conxunto da Xunta de Galicia e da Deputación vai permitir reabrir este emblema da cidade de Vigo como un edificio onde as exhibicións, as artes escénicas, audiovisuais e literarias conflúan cunha programación de calidade e referencia a nivel nacional”. Neste eido, Luisa Sánchez, subliñou a “necesidade de reposicionar Vigo como referente cultural tras os malos indicadores que diferentes estudos presentaron nos últimos meses” e engadiu que “investir na cultura de Vigo é apostar por unha cidade máis diversa, plural e atractiva, tanto para o público como para que os nosos colectivos culturais medren”. Neste eido agradeceu a sensibilidade da Xunta de Galicia con Vigo.
O conselleiro de Cultura puxo en valor as obras realizadas con anterioridade á adquisición do inmoble por ambas as dúas administracións. Neste senso, salientou que dándolle continuidade ao proxecto orixinal “respéctase a intervención xa realizada incorporando as actualizacións que sexan precisas”. En canto aos prazos, o representante do Goberno galego concretou que a partir deste momento precísase de tres meses para resolver a tramitación do expediente de cara a proceder a adxudicación do contrato e, unha vez resolto e asinado, cóntase dun prazo de execución estimado de seis meses para que a redacción do plan de traballo estea culminado, “o que permitirá abrir o novo escenario que dea lugar ao inicio das obras no primeiro semestre do ano 2026”, avanzou.
Compromiso con Vigo
“Cumprimos coa palabra, cumprimos co Teatro Cine Fraga e sobre todo, cumprimos con Vigo e cos vigueses”, aseverou López Campos, quen lembrou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tiña comprometida a publicación da licitación da redacción do proxecto das obras antes de que finalizase o mes de xullo. Por estes motivos, destacou que a Xunta está a demostrar que “avanza, segundo os prazos dados, no proceso de recuperación deste emblema” co obxectivo de erixilo “nun espazo escénico, musical, audiovisual e literario de referencia de primeiro nivel no noroeste peninsular”.
Só un ano despois a súa adquisición, o inmoble conta cunhas liñas estratéxicas definidas e cun plan de usos perfilado no que se tiveron en conta as achegas feitas pola cidadanía a través da campaña O mellor espazo busca o mellor contido. Neste eido, tanto a vicepresidenta provincial como o conselleiro remarcaron o valor das propostas da veciñanza e agradeceron a súa participación activa para que este espazo emblemático, de 7.000 metros cadrados, conte cunha programación cultural de calidade e se erixa no epicentro de innovación cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Tanto o conselleiro como a vicepresidenta provincial remarcaron que a vontade é recuperar este espazo como centro cultural flexible e polivalente, que favoreza a produción e a experimentación, a través de iniciativas vencelladas ás artes musicais, audiovisuais e literarias. Nesta liña, está previsto a posta en marcha de residencias artísticas para profesionais locais e tamén de todo o noroeste peninsular.
