O ciclo teatral da Deputación chega este sábado 18 a Rodeiro coa obra Comando comadres, de Matrioshka Teatro

A representación terá lugar ás 22:00 horas no centro cultural, con entrada libre ata completar a capacidade

17/11/2023

representación de Comando Comadres

O concello de Rodeiro será o escenario este sábado 18 de novembro da función Comando comadres, a cargo da compañía Matrioshka Teatro, no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A representación terá lugar ás 22:00 horas no centro cultural e a entrada será libre ata completar a capacidade.

A peza é un espectáculo en clave de humor para público adolescente e adulto no que un grupo de “art-ivistas” organizadas en diferentes comandos poñen en evidencia as múltiples manifestacións da violencia machista e cuestionan a persistencia dos seus valores no pensamento actual e na xestión dexenerativa dos recursos naturais. Así, os comandos establécense como pequenas unidades preparadas para as encomendas máis perigosas: levar a cabo incursións no territorio inimigo para poñer luz sobre a inxustiza e volver airosas da misión. Son células combatentes irreverentes que van creando unha rede de comandos comadres a nivel mundial centrada na importancia da igualdade de dereitos e deberes sociais entre ambos os xéneros, tanto no ámbito público coma no privado, dos coidados dos ecosistemas sans e equilibrados, así como dos afectos cos que crear lazos de sororidade e empatía. Con esta función, Matrioshka Teatro busca renderlles homenaxe “a todas as heroínas de a diario, ás señoras silenciadas, perseguidas, queimadas, torturadas, aos saberes invisibilizados e á historia oculta do noso pasado”.

Co ciclo teatral “Tornar ás Táboas” a Deputación de Pontevedra vailles achegar entre outubro e decembro un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, coa participación de trinta compañías galegas que ofrecerán unha ampla variedade de espectáculos.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.