A comarca de Pontevedra gañará preto de 17.000 m2 de espazo público para as persoas unha vez executados os proxectos subvencionados pola Rede Ágora

Poio, Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade teñen en carteira 14 actuacións que suporán un investimento duns 3,7 M€     

01/04/2023

Ágora

Os concellos da comarca de Pontevedra que forman parte de Ágora gañarán máis de 17.000 metros cadrados de espazo público para as persoas unha vez se executen todos os proxectos subvencionados con axudas da Rede dentro do departamento de Mobilidade e Espazo Público da Deputación. Este dato foi divulgado hoxe polo deputado Uxío Benítez tras desagregar o informe xeral presentado  esta semana no acto de celebración de ‘Tres anos de Rede Ágora’ que se celebrou no Pazo Provincial e revelou que na provincia o número total de metros gañados para a veciñanza ascenderá a 340.000.

Na  “conta de resultados” destacada o martes púxose de manifesto que grazas aos proxectos Ágora transformaranse a cantidade total de 620.000 metros cadrados de espazos público, o que supón multiplicar por cinco o espazo público existente gañándollo aos vehículos. Na provincia poranse en marcha 206 proxectos grazas a 5,8 millóns de euros de axudas Ágora sumadas ás do Plan Concellos, ReacPon, ou PON2023 (entre outras), que chegarán a un investimento global de 9,4 millóns de euros.

No caso particular do territorio pontevedrés, os números son certamente positivos: faranse obras nun total de 21.766 metros cadrados, que pasarán de dispoñer dun espazo peonil previo de 4.580 metros cadrados a 21.555 m2, o que supón un incremento de 16.975 metros. Esta renovación e recuperación do espazo urbano implicará un investimento de preto de 3,7 millóns de euros. O número de proxectos en carteira é de 14, estando aprobados na primeira convocatoria de axudas Ágora catro, tres na segunda e sete na terceira e última, este mesmo ano.

A liña de axudas da Rede Ágora concedeu fondos na comarca de Pontevedra ao Concello de Poio  para os proxectos de mellora da mobilidade peonil e recuperación de contornas tradicionais entre Casalvito e O Padrón na primeira convocatoria.

O Concello de Pontecaldelas recibiu axuda para o proxecto de reordenación funcional da Praza de Frei Antonio Orge na primeira fase de subvencións, e na segunda para a creación dun proxecto de recuperación peonil dos espazos entre as prazas de España e Frei Antonio Orge, mentres que na terceira os fondos destináronse a proxectos de mellora da contorna da igrexa de San Martín, da ermida de San Miguel, da Capela da Inmaculada e da igrexa de Santa Mariña.

O Concello de Cerdedo Cotobade recibiu axuda para o proxecto de recuperación do espazo público na parroquia de Tenorio  na primeira convocatoria;  na segunda para o proxecto de recuperación de uso peonil da igrexa de Santa María de Sacos, de mellora do núcleo de Cerdedo, e para o núcleo da Arrotea de Almofrei. No terceiro grupo de axudas os fondos de Ágora foron para os proxectos de mellora da contorna da igrexa e cemiterio de Viascón, tamén para a recuperación do uso peonil do núcleo de Viascón, así como da contorna da igrexa de San Miguel de Carballedo.

Por estar adheridos á Rede Ágora recibiron esta semana unha distinción os concellos de Pontevedra, Ponte Caldelas, Cerdedo Cotobade, Poio, Campo Lameiro, Barro e A Lama (remítese fotografía).