A provincia de Pontevedra gañará 340.000 m2 de espazo público para as persoas cos proxectos da Rede Ágora

A Deputación fixo hoxe contas dos espazos recuperados e entregou as ‘Distinción Ágora’ aos concellos que puxeron en marcha iniciativas para acoutar os vehículos

28/03/2023

3 anos Ágora

A Deputación fixo hoxe “conta de resultados” da recuperación de espazo público realizado grazas á Rede Ágora na provincia e os números non poden ser máis optimistas. Cando se executen todos os proxectos subvencionados por Ágora transformaranse máis de 620.000 metros cadrados de espazos público, dos que 340.000 metros cadrados serán gañados para as persoas restándollos aos vehículos, o que supón multiplicar por cinco o espazo público existente na actualidade para ser vivido pola veciñanza.

Os datos foron aportados hoxe polo deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez no acto de celebración dos tres anos da Rede Ágora, ao que asistiron máis de 140 persoas representantes de concellos e persoal técnico, e  no que participaron a presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, a secretaria da Rede de Cidades que Camiñan Ana Montalbán e tamén as catedráticas José Fariña Tojo (arquitecto) e María Ángeles Durán (socióloga), que participaran como relatoras nas conferencias da Facultade Ágora en 2021. Ademais do balance de datos, tamén se presentou o libro que recolle os relatorios da mencionada Facultade, e se entregaron as ‘Distincións Ágora’ aos concellos da provincia adheridos da rede en recoñecemento das súas boas prácticas.

Benítez destacou que a Rede Ágora naceu cun obxectivo principal en 2021, incrementar de maneira substancial e medible o espazo público da provincia con coñecemento e base teórica. "Todo o mundo está de acordo coa filosofía de recuperar os espazos para as persoas, pero queriamos facer as cousas ben e que os resultados fosen medibles, que a final de mandato puideramos ver se poñer a andar a Rede Ágora valeu para algo”, subliñou.

Neste sentido, subliñou que Ágora concedeu preto de 5,8 millóns de euros en subvencións nos últimos dous anos e medio e que grazas a iso se van redactar 206 proxectos de recuperación de espazos públicos cun investimento total de 94 millón de euros. Así, a raíz do impulso da Rede Ágora hai potencial para transformar máis de 620.000 metros e 340.000 serán para as persoas gañándollas aos coches.

“Hai vontade de recuperar o espazo público, os concellos están xa lanzados”, explicou Benítez, que tamén fixo conta de resultados de obras executados. Matizou que Ágora deu cartos para redactar proxectos, pero sinalou que houbo concellos que foron quen de ir máis alá e apenas dous anos despois da aprobación das axudas Ágora, e tendo en conta a dificultade de tramitar, xestionar, licitar e realizar obras,  xa teñen executadas as mellora das súas vilas que xa goza a veciñanza.

En total, a día de hoxe, son xa unha realidade 14 proxectos que supuxeron un investimento de 9 millóns de euros, transformaron máis de 50.000 metros cadrados e gañaron para as persoas 22.000 metros cadrados. Todo isto, explicou o nacionalista, tendo en conta que cada proxecto tiña a condición de que debía recupera polo menos o 50% do espazo para as persoas, cun mínimo de 300 metros cadrados retirados aos vehículos.

Transformación potente

“Seguramente, esta é a provincia que ten feito a transformación máis potente”, subliñou a presidenta Carmela Silva na apertura do acto de celebración de ‘Tres anos de Rede Ágora’, para poñer en relevo o cambio que ten suposto a aposta pola recuperación do espazo público que ten impulsado o Goberno provincial nestes últimos oito anos.

“Para nós trátase dun dereito. Estamos a falar de patrimonio da xente; é a súa propiedade”, afirmou ao tempo que recordou que esta liña estratéxica arrancou “con enorme éxito” cun modelo de mobilidade amable nas estradas provinciais e que coa posta en marcha da Rede Ágora, deu un paso máis para trasladar esta filosofía aos proxectos municipais.

A presidenta engadiu que este éxito é froito “do labor de tanta xente e tantas vontades que traballan conxuntamente nunha idea fermosa e transformadora, que é que a xente poida ser feliz”. “Porque non se pode ser feliz –afirmou Carmela Silva- en lugares onde as persoas non son o centro da acción e o espazo non é un gran dereito. Creo que máis pronto que tarde, nas Constitucións o espazo público aparecerá como un dereito, porque é a nosa vida”.

Louvou o compromiso dos concellos “cómplices desta transformación”, reflectido en que son xa 57 os adheridos á Rede: “Somos unha referencia, e téndesvos que sentir orgullosas e orgullosos do que estades a facer. Sen vós non tivera sido posible este cambio, fostes valentes e hoxe temos cidades, vilas e pobos mellores, son outros lugares, con proxectos presentados para recuperar espazo público que son de premio”. Destacou así mesmo “o corpus teórico de coñecemento” creado a través da Facultade Ágora, “algo fundamental para un proxecto tan ambicioso que hoxe é unha realidade”.

Pola súa banda, o vicepresidente Mosquera salientou que Ágora buscou as mellores solucións para axudar aos concellos a recuperar o espazo público. Salientou que os concellos deben ter “fe, crenza e empuxe, porque sen paixón, cando se quere cambiar hábitos e condutas, non se pode avanzar”. Destacou que “se de algo estou satisfeito e contento” é de que Ágora foi un proxecto colectivo da Deputación e os Concellos apostando por un modelo de maneira transversal e tratando a todos os municipios por igual e sen diferencia de cor.

“Ágora dá perspectiva de enfoque do futuro e non pode máis que avanzar. É unha necesidade mellorar a calidade de vida das persoas e  non ten sentido ir contra iso. Ágora mellorou a vida das persoas na provincia e colocounos como un referente fóra. Grazas por implicarvos e longa vida a Ágora”, finalizou.

Liberdade, igualdade... e exportabilidade

A secretaria técnica da Rede de Cidades que Camiñan Ana Montalbán foi a encargada da presentación do libro da Facultade Ágora. Subliñou que ten máis de 360 páxinas que concentran os relatorios das persoas conferenciantes da Facultade Ágora, entre elas as convidadas na cerimonia de hoxe, José Fariña Tojo e María Ángeles Durán.

O primeiro convidado subliñou que Ágora é das mellores experiencias en canto a formación de persoas políticas e técnicas que coñece nos últimos tempos. Destacou que a recuperación do espazo público como un dereito –tal como defende a Rede- non debe converterse nun ‘eslogan’, senón que ten que seguir na práctica, ante o que salientou que é máis fácil facelo para as vilas pequenas que para as grandes. Subliñou que ademais da implicación política e técnica, debe tamén haber unha terceira pata que “é a xente, que debe esixir que se recupere o seu espazo público”.

Pola súa banda, María Ángeles Durán destacou que Ágora é para ela unha “alegría”, xa que “ante o dito de que o que é común non é de ninguén, Ágora plantexa o contrario: se non é común, ninguén ten nada”. Para a socióloga do CSIC o proxecto da Deputación de Pontevedra ten un alto grao de exportabilidade, e sinalou que podería chegar a lugares como México ou outros lugares moito máis complexos. “Aquí mellórase o espazo público facéndoo amable e aberto. Logo chegan avances que permiten a chegarse a maiores cotas de liberdade e igualdade, porque onde non hai espazo público non hai liberdade”, salientou.

Distincións Ágora

O peche da cerimonia de ‘Tres Anos de Rede Ágora’ fíxose coa entrega de distincións aos concellos adheridos polo seu traballo nos últimos anos. Do Deza Tabeirós estiveron presentes para recoller o galardón representantes dos concellos de A Estrada, Silleda e Agolada;  da comarca de Caldas estiveron representantes de Valga, Moraña, Pontecesures, Caldas e Cuntis; do Morrazo de Marín, Moaña, Vilaboa, Bueu e Cangas; de Pontevedra de Poio, Campo Lameiro, Cerdedo Cotobade, A Lama, Barro, e Pontevedra; Gondomar do Val Miñor; Sanxenxo, Vilagarcía, Meaño, O Grove, Meis, Ribadumia e Cambados do Salnés; Tomiño, Rosal, Salceda, A Guarda do Baixo Miño; Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario, Salvaterra, A Cañiza e Ponteareas do Condado Paradanta; e Redondela, Porriño, Mos, Soutomaior e Pazos de Borbén da área de Vigo.

Galerias de imaxes

videos

audios

Carmela Silva e Cesar Mosquera

Uxío Benítez