Cubela remarca o papel central de Areeiro como centro de referencia e diagnose de pragas e enfermidades forestais en Galicia

Na xuntanza, que tivo lugar de xeito telemático, fíxose balance das análises realizadas en 2023, que se centraron, principalmente, en enfermidades que lle afectan ao castiñeiro

28/11/2023

Jorge Cubela participa na Comisión de Seguimento da Unidade Mixta de Xestión de Pragas e Enfermidades Forestais

O deputado provincial de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural, Jorge Cubela, participou na Comisión de Seguimento da Unidade Mixta de Xestión de Pragas e Enfermidades Forestais que a Deputación ten en marcha xunto á Consellería de Medio Rural e desde a que se están a estudar, entre outras, as enfermidades que lle afectan ao castiñeiro. Na xuntanza, Cubela remarcou o papel central de Areeiro como centro de referencia e diagnose de pragas e enfermidades en Galicia, ao encargarse da análise fitopatolóxica e do estudo das mostras que a Xunta envía das parcelas da rede de avisos.

“É fundamental sumar sinerxías para coñecer a saúde e vitalidade dos montes galegos e avanzar no control de enfermidades que están a causar danos nas árbores e tamén na economía da nosa contorna”, asegurou o deputado provincial. Tamén resaltou Cubela a relevancia da Unidade Mixta de Xestión de Pragas e Enfermidades Forestais da Deputación e da Xunta para “establecer un sistema administrativo de alerta e consulta rápida, con información valiosa para o control biolóxico de pragas e doenzas da masa forestal”.

Ao longo do ano 2023 esta unidade mixta desenvolveu, principalmente, estudos relacionados co castiñeiro. “Entre outros moitos traballos fixemos ―asegurou o deputado― unha análise de mostras de ourizos, para ver de onde proviña toda a perda que se deu na castaña durante este outono”. Deste xeito, Areeiro encargouse de analizar fungos coma Cryphonectria parasitica (responsable do chancro do castiñeiro), Gnomoniopsis smitholgilvyi (causante da podremia marrón dos ourizos e das castañas),e de pragas coma Dryocosmus kuriphilus (avespa do castiñeiro),entre outras.

Xunto ao castiñeiro, Areeiro, a través da Unidade Mixta, tamén avanzou este ano no estudo de Lecanosctica acicola, Dothistroma pini e Dothistroma septosporum (fungos responsables do bandeado do piñeiro) ou de Fusarium circinatum (responsable do chancro resinoso do piñeiro), así como de bacterias asociadas á síndrome do decaemento do carballo coma Gibbsiella quercinecans e especies dos xéneros Brenneria e Lonsdalea. Ademais, e xa de cara a 2024, o deputado Jorge Cubela adiantou que a institución provincial está aberta a estudar todas aquelas enfermidades que lle afectan á masa forestal da provincia de Pontevedra a través de Areeiro.