Luis López anuncia a adxudicación por valor de máis de 880.000 € do contrato para a mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-9701 Baión-András, en Vilanova de Arousa
O presidente remarcou que se trata “dunha actuación moi demandada polo concello” e que permitirá “poñer fin aos problemas de seguridade viaria nesta estrada con denso tráfico rodado e movemento de persoas”
28/11/2025
Luis López acaba de anunciar a adxudicación por valor de máis de 880.000 € do contrato para a mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-9701 Baión-András, en Vilanova de Arousa. O presidente remarcou que se trata “dunha actuación moi demandada polo concello” e lembrou que “foi unha das famosas obras que no ano 2015, cando xa estaban as máquinas alí, foron levantadas por parte do anterior goberno”. Os traballos permitirán “poñer fin aos problemas de seguridade viaria nesta estrada con denso tráfico rodado e movemento de persoas”.
“Seguimos avanzando, unha semana máis, na mellora das condicións de seguridade da nosa rede de estradas provinciais, fundamental na vertebración do noso territorio”, asegurou Luis López, quen confirmou que os traballos se realizarán nun treito da estrada provincial EP-9701 entre os puntos quilométricos 0+000 e o 0+560.
En liñas xerais, a mellora da mobilidade peonil desta estrada en Vilanova de Arousa contempla a execución dunha senda peonil en formigón coloreado na marxe esquerda da vía ao longo dos seus primeiros 500 metros. Tamén se creará unha zona de convivencia, nos últimos 60 metros obxecto da actuación, e mellorarase a recollida de pluviais. Ademais, a actuación contempla a renovación do firme e a realización dunha correcta sinalización horizontal e vertical.
