A Deputación reúne a 200 persoas de Tui na xornada +Convivir para poñer en valor o compromiso do movemento veciñal coa dinamización da vida sociocultural da vila
O deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, participou nas actividades que tiveron lugar no IES San Paio. Despois de pasar pola vila e tras percorrer outros nove concellos da provincia, +Convivir continuará este ano en Covelo e Forcarei
22/11/2025
A Deputación de Pontevedra acaba de organizar unha xornada de convivencia e homenaxe ao movemento veciñal de Tui no marco do programa +Convivir. Ao redor de 200 persoas déronse cita no IES San Paio para asistir ás actividades organizadas pola institución provincial, que tamén contaron coa asistencia do deputado provincial de Acción Comunitaria, Javier Tourís.
Javier Tourís lembrou que esta xornada forma parte da segunda edición do programa, que despois de pasar por Tui, continuará pola xeografía provincial "para poñer en valor a importancia de xuntarnos, de tecer lazos e xerar espazos de encontro para impulsar o avance desta provincia extraordinaria". O deputado provincial definiu +Convivir como "unha tarde única de convivencia, aprendizaxe e diversión" coa que agradecer "o voso compromiso e a vosa implicación para dinamizar a vida social e cultural de Tui", e que vai na liña da senda de recuperación do contacto co tecido asociativo da provincia con programa como Provincia Comunitaria, +Aqua ou +Novaqua.
Durante esta xornada lúdica, tamén houbo lugar para a aprendizaxe. Neste eido, desenvolveuse unha charla sobre nutrición, un obradoiro de risoterapia e unha sesión de ximnasia de mantemento. Completouse a sesión do programa da Deputación de Pontevedra +Convivir con música e cun refrixerio para as persoas asistentes.
Con esta iniciativa, o organismo provincial quere poñer en valor, unha vez máis, o seu compromiso co tecido asociativo veciñal e enxalzar o papel que este desenvolve para o avance da provincia. Ademais de Fornelos de Montes, Redondela, Salceda de Caselas, A Lama, Baiona, Rodeiro, Ribadumia, Bueu, Gondomar e agora Tui, o programa chegará este ano a Covelo e Forcarei. O pasado ano preto de 4.000 persoas desfrutaron das sete citas organizadas pola institución provincial.