A Deputación abre este mércores o prazo para participar nos cursos gratuítos de español para inmigrantes que, por vez primeira, chegan á comarca do Deza

Os cursos, aos que a institución provincial destina 18.000 euros, celebraranse entre os meses de maio e xuño en Pontevedra e Vigo, e en setembro en Lalín

04/03/2025

A Deputación de Pontevedra abre este mércores, 5 de marzo, o prazo para participar nunha nova edición dos cursos de español para inmigrantes que, como novidade, este ano chegan por vez primeira á comarca do Deza, cunha edición que terá lugar en Lalín. Esta actividade formativa gratuíta, que conta cun orzamento de 18.000 euros, ten por obxectivo que as e os participantes superen as probas orais, escritas e de comprensión do exame DELE A2 do Instituto Cervantes, indispensable para que poidan solicitar a nacionalidade española.

En concreto, a institución provincial promoverá este ano tres accións formativas de 40 horas de duración. Desta maneira, ademais da de Lalín, celebraranse outras dúas en Pontevedra e Vigo para facilitar ás persoas de países non falantes de español a consecución deste título e apoiar, así, a súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito. En cada cidade ofertaranse 20 prazas (60 en total) dirixidas a persoas inmigrantes que saben ler e escribir, se atopan en situación regular en España, son maiores de 16 anos, están empadroadas nalgún dos concellos da provincia e teñen coñecementos básicos da lingua española.

Os cursos comezarán en Vigo, onde terán lugar do 19 de maio ao 3 de xuño, sendo a segunda edición en Pontevedra entre o 9 e o 24 de xuño. Posteriormente, a Lalín chegarán no mes de setembro, entre os días 9 e 19. As tres accións formativas completaranse, ademais, cunha sesión de catro horas de duración antes do exame DELE A2, previsto para o día 12 de setembro no caso de Vigo e Pontevedra e o 22 de novembro en Lalín, coa finalidade de lembrar a estrutura da proba e resolver dúbidas de derradeira hora. A metodoloxía da formación baséase no emprego de supostos prácticos, simulacros de exame e no desenvolvemento de destrezas e estratexias para asentar os coñecementos e adaptalos ao tempo de duración da proba.

O pasado 2024, a Deputación de Pontevedra recibiu 125 solicitudes para participar na formación, sendo seleccionadas finalmente 60 persoas, das que 51 se presentaron ao exame e 40 aprobaron. Por nacionalidades, a maioría procedían de Brasil (27), seguido de Marrocos (17) e Ucraína (6), se ben tamén houbo participantes de Senegal, Nixeria, Estados Unidos, Ghana, Malí, Serra Leona e Siria.