A Deputación esgota en menos de 24 horas as prazas para participar na primeira das sete rutas ornitolóxicas do programa provincial Voando nas Rías Baixas do ano 2026
O primeiro percorrido terá lugar o 8 de febreiro na Foz da Ramallosa e Praia América e nel participarán un total de 25 persoas
27/01/2026
A Deputación de Pontevedra esgota en menos de 24 horas as prazas para participar na primeira das sete rutas ornitolóxicas que deseñou para este 2026 no marco do programa provincial Voando nas Rías Baixas. Esta nova edición desta iniciativa, en colaboración coa asociación SEO/BirdLife, organizará durante este ano un total de sete rutas ornitolóxicas para sensibilizar a poboación sobre os recursos culturais e naturais da provincia de Pontevedra e a importancia de conservar o medio natural.
O primeiro percorrido, que ten xa as 25 prazas ofertadas cubertas, desenvolverase o 8 de febreiro na Foz da Ramallosa (entre os municipios de Nigrán e Baiona). Trátase dun espazo intermareal de alto valor ecolóxico, que está protexido pola Rede Natura 2000 e que é óptimo para a observación de aves como as limícolas (mazaricos, biluricos, pilros…), gaivotas, garzas ou aves mariñas e aguias pescadoras.
As actividades de Voando nas Rías Baixas continuarán en maio, concretamente o día 24, nas Brañas de Xestoso (Forcarei e Silleda), e antes do verán a terceira actividade será a ruta nas praias da Lanzada (O Grove e Sanxenxo) e da Mexilloeira (O Grove) o 21 de xuño. O calendario de actividades retomarase despois do verán coa novidade deste ano, a ruta por Cabo Udra que se celebrará o 13 de setembro, que irá seguida da do esteiro do Miño (A Guarda) o 11 de outubro, pola da desembocadura do río Lérez, o percorrido pola Intermareal Combarro-Lourido (Poio e Pontevedra), o 15 de novembro, e en último lugar polo Complexo Intermareal Umia-O Grove (O Grove e Sanxenxo), pechando o calendario da edición o 13 de decembro.
En todas elas ofértanse 25 prazas e a persoa solicitante poderá inscribirse xunto con tres acompañantes máis. Os percorridos, guiados por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúen autobús para o desprazamento entre os distintos puntos nos que ten lugar a actividade, e recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado para moverse polo campo. Cada participante terá á súa disposición unha guía de aves, prismáticos para observar aves e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas.