A Deputación abre este luns o prazo para participar na ruta ornitolóxica de Voando nas Rías Baixas nas Brañas de Xestoso, nos concellos de Silleda e Forcarei

Da man de SEO/BirdLife, a actividade realizarase o domingo 24 de maio nun dos mellores lugares para observar aves limícolas, mariñas, ardeidos ou anátidas

09/05/2026

A Deputación de Pontevedra abre este luns 11 de maio o prazo para participar na ruta do programa Voando nas Rías Baixas que terá lugar o domingo 24 de maio nos concellos de Silleda e Forcarei, concretamente polas Brañas de Xestoso. En colaboración de novo coa asociación SEO/BirdLife, esta será a segunda das sete rutas ornitolóxicas organizadas durante este ano para sensibilizar a poboación sobre os recursos culturais e naturais da provincia de Pontevedra e a importancia de conservar o medio natural.

A zona pola que se desenvolve a ruta é unha representación das serras baixas interiores da provincia de Pontevedra con diferentes ecosistemas, coma brañas, prados húmidos, turbeiras, matogueira baixa, rochedos, carballeiras... Entre as aves, destacan as rapaces, coma a tartaraña cincenta, a gatafornela ou a aguia cobreira, entre outras.

A Deputación oferta 25 prazas para participar no percorrido polas Brañas de Xestoso, e a persoa solicitante poderá inscribirse xunto con tres acompañantes máis. A ruta, na que as e os participantes estarán acompañados por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe un autobús tanto para o desprazamento coma para a visita da zona na que ten lugar a actividade, e recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado. Cada participante terá á súa disposición unha guía de aves, prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas.

O calendario de actividades de Voando nas Rías Baixas continuará o 21 de xuño nas praias da Lanzada (O Grove e Sanxenxo) e da Mexilloeira (O Grove). Despois do verán chegará a novidade deste ano, a ruta por Cabo Udra que se celebrará o 13 de setembro, que irá seguida da do esteiro do Miño (A Guarda) o 11 de outubro, da ruta pola da desembocadura do río Lérez pola Intermareal Combarro-Lourido (Poio e Pontevedra), o 15 de novembro, e en último lugar polo Complexo Intermareal Umia-O Grove (O Grove e Sanxenxo), pechando o calendario da edición o 13 de decembro.