Iago García proclámase vencedor da terceira edición do programa +Talento Motor da Deputación de Pontevedra
O piloto pontevedrés participará no Campionato Galego de Rallys tras ser o máis rápido na proba de selección celebrada este domingo en Forcarei
18/01/2026
O pontevedrés Iago García proclamouse vencedor da terceira edición do programa +Talento Motor da Deputación de Pontevedra tras marcar o mellor tempo na proba de selección que se celebrou este domingo no circuíto da Madalena en Forcarei.
Iago García, de 23 anos, parou o crono na final en 1:21.637, con apenas 8 décimas de vantaxe sobre Lucía Mariño, que rematou na segunda posición. Así, García recibirá o patrocinio para participar Sandero Eco Cup do Campionato Galego de Rallys ao volante dun coche ecolóxico rotulado co nome da Deputación de Pontevedra, substituíndo deste xeito a Roi Rodríguez no asento do Dacia Sandero, un vehículo que foi o campión da primeira edición do formato monomarca en chan galego.
Ao remate da proba, o novo vencedor do programa +Talento Motor amosou a súa ledicia polo resultado e non ocultou o “orgullo” que suporá representar á súa provincia na Sandero Eco Cup de 2026. Do mesmo xeito, confesou ter ante si unha “oportunidade moi grande” para competir oficialmente no campionato autonómico. “Afronto a tempada con gañas, hai que ir de menos a máis. Vai ser unha competición moi disputada porque hai moito nivel”, declarou.
Pola súa banda, a deputada provincial Belén Cachafeiro, que asistiu á proba de selección do piloto, valorou a “destreza” e “paixón” amosada por Iago ao volante, felicitouno por “este importante logro” e desexoulle moitos éxitos na tempada que afrontará a partir de agora.
“Este recoñecemento pon en valor o talento deportivo da nosa provincia e confirma o éxito dunha iniciativa que impulsa oportunidades reais para a mocidade, promovendo valores como o esforzo, a superación e o compromiso. Desde a Deputación reiteramos o noso apoio ao deporte base e ao talento emerxente”, remachou Cachafeiro.
