A Deputación pon en valor este xoves en Lalín o labor da científica Marisol Soengas na vangarda da investigación contra o cancro

O faladoiro forma parte do programa provincial Aquí faltan páxinas, e terá lugar o xoves 15 de xaneiro ás 19:00 horas no Edificio Sociocultural da rúa Manuel Rivero

12/01/2026

O Edificio Sociocultural do Concello de Lalín situado na rúa Manuel Rivero acolle este xoves 15 de xaneiro ás 19:00 horas un novo faladoiro da terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, impulsado pola Deputación de Pontevedra para rescatar historias de mulleres que non adoitan ser contadas. Nesta ocasión a protagonista será Marisol Soengas, unha das científicas galegas máis recoñecidas de ámbito internacional no campo da oncoloxía. O faladoiro terá unha duración aproximada de dúas horas e os asistentes poderán asistir ao testemuño da propia Marisol Soengas, afectada persoalmente por esta enfermidade. Estará acompañada pola deputada de Igualdade, Paula Bouzós, o alcalde de Lalín, José Crespo.

O faladoiro destacará a traxectoria de Marisol Soengas na vangarda da investigación contra o cancro desde o Grupo de Melanoma no Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) que dirixe. Nada en Agolada, Licenciada en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora polo Centro de Investigacións Biolóxicas do CSIC, especializouse no estudo do melanoma, un dos cancros de pel máis agresivos. Traballou en centros punteiros dos Estados Unidos como o Cold Spring Harbor Laboratory e a Universidade de Michigan e os seus traballos de investigación identificaron novos mecanismos moleculares que explican a resistencia do melanoma a terapias convencionais e abriron vías para tratamentos máis eficaces. Soengas é tamén unha firme defensora da visibilidade das mulleres na ciencia e da divulgación científica, participando en iniciativas para fomentar vocacións STEM entre as máis novas, e o seu traballo foi recoñecido con múltiples premios nacionais e internacionais.

A terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, terá continuidade con máis faladoiros. Tralos xa desenvolvidos sobre as alfombristas, Juaniña do Porriño, Concepción Pérez Iglesias, as Nais contra a Droga e as mulleres de Gargamala, ao dedicado a Marisol Soengas seguiranlle outros nos que se narrarán as historias das mulleres do mundo do viño, da soprano de zarzuela Matilde Vázquez, da fotógrafa e xornalista Corona González, da arquitecta Rita Fernández Queimadelos, da cineasta Cruz Risco e das primeiras policías locais, Marina Ledo e Begoña Villar.