A Deputación regresa tras dúas décadas á Feira Internacional de Turismo de Lisboa para promover a internacionalización do destino Rías Baixas
Turismo Rías Baixas difundirá entre o 25 de febreiro e o 1 de marzo os principais produtos turísticos da provincia para consolidar a súa posición no mercado portugués e ampliar a rede de contactos con operadores do país e internacionais
21/02/2026
A Deputación de Pontevedra regresa á Feira Internacional de Turismo de Lisboa tras dúas décadas para promover a internacionalización do destino Rías Baixas. A institución provincial asistirá a este punto de encontro dos profesionais do sector turístico entre os días 25 de febreiro e 1 de marzo para presentar a súa oferta tanto ao mercado como ao público, cos obxectivos de consolidar a posición da provincia no mercado portugués (clave por mor da súa proximidade xeográfica e afinidade cultural), ampliar a rede de contactos con operadores turísticos, axencias, medios de comunicación e profesionais do sector, así como difundir os produtos turísticos vinculados á identidade da provincia.
Deste xeito, Turismo Rías Baixas promoverá os principais fitos do turismo deportivo, cultural e patrimonial, de natureza e de turismo activo, os vencellados ao enoturismo e á gastronomía, así como ao Camiño de Santiago, recursos costeiros e náuticos, os vinculados ao benestar e ás experiencias sostibles. Durante a feira, a Deputación levará a cabo accións de promoción como a presentación de novas propostas turísticas, reunións con operadores portugueses e internacionais, a difusión de material tanto impreso como dixital, a participación en encontros profesionais e eventos paralelos organizados pola feira e a atención ao público desde o stand propio de Turismo Rías Baixas.
Entre os actos de promoción previstos, o deputado de Turismo Rías Baixas, Jesús Vázquez Almuiña, presentará o xoves 26 a nova campaña de Turismo Rías Baixas, A túa meta, o teu destino, acompañado polo presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e o presidente do Turismo do Porto e Norte de Portugal, Luis Pedro Martins. Trala presentación, ofrecerase unha cata de viños da Denominación de Orixe Rías Baixas.
A asistencia á BTL forma parte do calendario de feiras internacionais coas que a Deputación busca impulsar a internacionalización do destino Rías Baixas. Ademais da feira lisboeta, por primeira vez na historia o organismo provincial disporá dun posto na Feira Internacional de Viaxes e Turismo ITB (Berlín) e na feira de produtos ecolóxicos e de turismo Biocultura-Ecoturismo da Coruña. Ademais, as Rías Baixas tamén se promocionarán na Feira Internacional de Turismo Expovacaciones en Barakaldo (Biscaia), en Turexpo (Silleda), no Salón Náutico Internacional de Southampton e na WTM de Londres (Reino Unido), en Xantar (Ourense), na Feira Internacional de Turismo de Interior Intur (Valladolid) e no Salón Internacional de Congresos e Reunións IBTM (Barcelona).