Máis de 1.200 persoas participan esta semana no programa da Deputación “En ruta coa Depo”

12/10/2023

A Deputación de Pontevedra organiza esta semana 23 saídas no marco do programa provincial “En ruta coa Depo”, unha iniciativa que lles ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares do territorio provincial. Entidades dos concellos de Arbo, Baiona, Covelo, A Estrada, A Lama, Lalín, Meaño, Mos, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Soutomaior, Vigo e Vilanova de Arousa mobilizarán máis de 1.200 persoas para coñecer a ría de Arousa, as illas de Tambo e Cíes, o castro de Troña en Ponteareas ou o Museo Meirande de Redondela, entre outros espazos da provincia.

Este xoves 12 de outubro un total de dez entidades participarán no programa provincial. A Asociación de Veciños San Benito de Romariz (Soutomaior) xunto coa Asociación Veciñal de Consumidores e Usuarios e Cultural "Emilio Crespo" (Vigo)  visitarán os pazos de Oca, na Estrada, e de Lourizán e Gandarón, en Pontevedra. A Asociación Cultural Virxe da Luz de Casteláns (Covelo) e a Asociación de Veciños de Chapela (Redondela) uniranse a unha ruta pola illa de Tambo e Combarro. Para a Asociación de Amas de Casa e Consumo “Agarimo” (Vigo) está planificada unha visita polo conxunto histórico de Cuntis e Caldas de Reis. A Asociación de Mulleres Rurais Val da Louriña (Mos) visitarán os pendellos da Agolada e diferentes puntos do concello de Vila de Cruces coma a Casa-Museo A Solaina de Piloño. A Asociación de Mulleres Féminas en Acción (Vilanova de Arousa) ten prevista unha ruta polos muíños do Rosal e unha visita á fortaleza de Goián, en Tomiño. O itinerario pola ría de Arousa ata a Illa da Toxa e o Museo da Salga do Grove será o que realizarán as e os integrantes da Asociación de Veciños San Mamede de Torroso (Mos) e a Asociación de Mulleres Rurais "Os muíños" de Marcón (Pontevedra). A Asociación de Veciños San Juan de Meaño (Meaño) tamén realizará unha ruta marítima con paradas na illa de San Simón e no castelo de Soutomaior, entre outros.

O sábado 14 continúan as rutas con temática mariñeira coa Asociación Mulleres en Igualdade de Donsión (Lalín), que se desprazará ata Cíes e o barrio do Berbés en Vigo. A Asociación de Veciños A Gaiola de Castro (A Estrada) visitará varios puntos de interese do municipio de Meis, coma a Ruta da Pedra e da Auga ou o pazo de Señoráns. A Asociación Centro Cultural e Social de Baíña (Baiona) visitará o castelo de Sobroso e o castro de Troña. A Asociación de Veciños As Nosas Rúas fará a ruta dos muíños e visitará a fortaleza de Goián e a Asociación de Veciños de San Pedro de Sardoma O Carballo percorrerá a ría de Arousa, ambas as dúas da cidade de Vigo. Os integrantes da Asociación Cultural “Os Penediños” (O Porriño) irán en barco ata a illa de San Simón e visitarán Ponte Sampaio e a ANPA San Martiño de Sobrán (Vilanova de Arousa) percorrerá a senda do río Lérez e o lago Castiñeiras.

O último día da semana, o domingo 15, a Asociación Cultural e Deportiva Río Xabriña de Paraños (Covelo) levará a cabo unha ruta de navegación pola ría de Arousa. Ademais, outras dúas entidades de Mos, a Asociación Recreativa Cultural Guizán e o Círculo Cultural Abrente, realizarán unha ruta entre o Lérez e o Verdugo e unha visita a diferentes puntos dos concellos de Forcarei e Silleda, respectivamente.  Tamén saíran o domingo a Asociación Veciñal, Deportiva, Cultural e Xuvenil “Arcángel San Miguel” (Arbo), que visitará  Cabo Home, a igrexa do Hío e Cabo Udra, e o Centro Social Cultural Recreativo e da Terceira Idade de San Vicente de Trasmaño (Redondela) e a Asociación de Veciños de San Bartolomé de Xesta (A Lama) coñecerán diferentes puntos de Meis e Ribadumia, coma o mosteiro da Armenteira, o monte do Castro e a Ruta da Pedra e da Auga.

A través de “En ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra está a fomentar a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia mediante 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano daranse cita preto de 20.300 persoas de case 400 asociacións. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100 % co obxectivo de achegarlles o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.