A Deputación consolida o éxito de Lecer en Familia cunha participación de preto de 3.000 persoas na edición de 2025

A deputada Paula Bouzós fixo entrega do premio do concurso de fotografía do programa, ao que se presentaron un total de 70 imaxes

20/05/2026

A Deputación consolida o éxito de Lecer en Familia cunha participación de preto de 3.000 persoas na edición de 2025

A Deputación de Pontevedra celebrou no Hotel Nuevo Astur Spa de Sanxenxo a entrega do premio do concurso de fotografía do programa Lecer en Familia 2025, unha iniciativa provincial destinada a fomentar a convivencia, o lecer saudable e o tempo compartido entre familias ao tempo que impulsa a actividade turística e hostaleira fóra da tempada alta e na que participaron preto de 3.000 persoas.

No acto participou a deputada de Benestar Social, Paula Bouzós, que felicitou ao gañador desta edición, Diego Tizón Freiría, veciño de Vigo, cuxa imaxe da súa familia desfrutando do programa foi escollida entre as 70 fotografías presentadas ao certame. O premio consiste nunha estancia no Hotel Nuevo Astur, que inclúe unha noite en pensión completa e dous accesos ao spa.

Durante a entrega, a deputada puxo en valor “a capacidade da fotografía para gardar emocións e momentos especiais vividos en familia”, ao tempo que agradeceu a implicación das persoas participantes nun concurso que permite reflectir as experiencias compartidas ao abeiro deste programa provincial.

Lecer en Familia continúa consolidándose como unha das iniciativas sociais con maior acollida da Deputación. Na edición de 2025 presentáronse 2.237 solicitudes correspondentes a 7.870 persoas, e participaron un total de 2.954 veciños e veciñas da provincia. Vigo foi o concello con maior participación, con 1.095 persoas beneficiarias, seguido de Pontevedra, Ponteareas, Redondela, Mos ou O Porriño. Por establecementos, o Hotel Nuevo Astur foi o que rexistrou unha maior participación, con 966 persoas usuarias ao longo do programa.

A Deputación xa traballa na edición de Lecer en Familia 2026, para a que se presentaron 2.747 solicitudes correspondentes a 9.657 persoas, confirmando así o crecemento e a consolidación desta iniciativa social e turística da institución provincial.

Galerias de imaxes