Luis López enxalza o labor constante e transversal a prol da igualdade das once entidades distinguidas cos segundos premios “Boas Prácticas en Igualdade” da Deputación

O presidente provincial entregou os premios á Morada Rosa de Vigo, a Asociación Cultural Xiria de Cangas, ao Traviesas Hockey Club e ao CEIP Rosalía de Castro de Vilagarcía, gañadores nas categorías de iniciativa social, cultura, deporte e educación

13/11/2025

Luis López na ntrega segundos Premios Boas Prácticas Igualdade

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, enxalza o labor constante e transversal a prol da igualdade e para a erradicación da violencia desde todos os ámbitos da sociedade das entidades recoñecidas cos segundos premios Boas Prácticas en Igualdade, un certame creado polo goberno provincial para poñer en valor a sensibilidade e o traballo diario que realizan distintos colectivos da provincia co obxectivo de construír unha sociedade máis igualitaria e xusta e que en dúas edición suma máis de 80 candidaturas. No salón de plenos do Pazo provincial, o mandatario provincial entregou este xoves os catro distintivos e accésits xunto con tres distincións honoríficas. "Acadar unha sociedade igualitaria de xeito pleno e real é unha misión global, un reto que nos atinxe a todos: particulares e colectivos, administracións públicas e empresas privadas, adultos e menores. Á meta da igualdade chegaremos só se todos temos claro cal é o destino. E, con exemplos como os que recoñecemos hoxe aquí e seguiremos recoñecendo en vindeiras convocatorias estou convencido que ese día no que premios como estes deixen de ter sentido está máis preto que lonxe", defendeu o presidente da Deputación.

Na categoría de iniciativa social, o premio foi para a cooperativa A Morada Rosa de Vigo, un exemplo de traballo a prol da igualdade en materia de iniciativa social que ofrecen espazos seguros para as mulleres. Unha categoría na que a Fundación Érguete-Integración, foi recoñecida cun accésit. Na categoría de cultura, a asociación Cívico Cultural Xiria de Cangas foi a gañadora pola súa promoción de actividades cívicas e culturais, mentres que a Compañía Caracol de Cambados acadou un accésit. No ámbito deportivo, a candidatura gañadora foi o Traviesas Hockey Club, unha entidade de excepcional interese público recoñecida tamén polo CSD; cun accésit para a Asociación Libélulas BCS de Pontevedra. A categoría de educación recoñece este ano ao CEIP Rosalía de Castro de Vilagarcía, polos seus programas e actividades educativas en igualdade, mentres que o accésit foi para o CEIP Plurilingüe de Domaio. No apartado de distincións honoríficas, o Centro Penitenciario da Lama, co seu programa de radio "Ellas improvisan", recibiu un recoñecemento xunto cos concellos de Marín e Silleda polas súas políticas a prol da igualdade.

A cerimonia, na que tamén participou os vicepresidentes Rafa Domínguez e Luisa Sánchez, así como a deputada de Igualdade, Paula Bouzós; e outros membros do goberno provincial; comezou coa actuación musical por parte da artista MJ Pérez seguido dunha benvida á cargo da deputada de Igualdade. "Quero dar os parabéns ás entidades que se postularon a estes premios, especialmente ás 11 gañadoras. Sabede que se algo nos fai sentirnos orgullosas e orgullosos da provincia sodes vos, a nosa xente, que sempre amosa estar do lado das causas máis nobres e máis xustas", declarou Paula Bouzós para comezar a continuación a entrega duns galardóns deseñados pola artista Rosa García dunha cerimonia que, conducida pola presentadora Helena Cornes, rematou cunha foto de familia.

"Non é a primeira vez que me escoitades dicir que vivimos nunha provincia extraordinaria chea de xente extraordinaria. Pero é que o voso labor, o voso compromiso e a vosa sensibilidade non deixa de demostralo. Foi o voso traballo o que nos moveu a organizar por primeira vez estes premios de Boas Prácticas en Igualdade e sigue sendo a vosa vocación a que nos impulsa a mantelo, con máis de 80 candidaturas presentadas nestas dúas primeiras edicións", salientou o presidente, quen lembrou tamén a achega das entidades recoñecidas na primeira edición. "Nos impulsan co seu labor, determinación e exemplo cara unha sociedade máis igualitaria e hoxe ampliamos ese legado que nos inspira e do que estamos profundamente orgullos", engadiu López.

Un compromiso que é compartido pola Deputación, que promove a igualdade a través de iniciativas diversas e centradas en todos os eidos da vida social. "O voso é un traballo diario e nós, a Deputación, seguimos o voso exemplo cando sumámonos aos actos reivindicativos do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra As Mulleres, cunha mochila chea de iniciativas a desenvolver ao longo deste mes e dos vindeiros, entre as que sobresaen actividades en centros escolares, novos episodios do programa Aquí Faltan Páxinas para dar visibilidades a mulleres referentes da nosa historia recente ou unha nova edición da Cátedra de Feminismos. E ademais seguimos impulsando iniciativas e para concienciar sobre a igualdade como o certame escolar  "Ti que pensas da Igualdade; reforzamos programas de éxito como Mulleres no Foco ou Mulleres que Opinan; ou impulsamos os investimentos cunha suba de máis do 6% na partida de Igualdade para o Orzamento do ano 2026", enumerou o dirixente.

Recordo ás vítimas de violencia de xénero da provincia

Ademais, a gala serviu para render unha sentida homenaxe ás dúas mulleres vítimas da violencia de xénero. "Mentres haxa unha soa vítima da violencia de xénero non haberá nada que celebrar. Si moito que lembrar, comezando polas que non están.; moito que conmemorar; e moito que premiar para que en todas as facetas da sociedade se vexa que a igualdade é un camiño obrigado, xusto e posible", reflexionou López, quen para concluír expresou tamén o seu desexo de que este tipo de actos deixen de ser necesarios algún día.

"Neste Salón de plenos do Pazo provincial, onde se debaten e se encontran todas as visións sobre a realidade da provincia, dámonos cita un conxunto diverso de persoas convencidas de que erradicar a violencia de xénero é un asunto de todos. Somos individuos que non comprenden causa algunha que poida motivar calquera tipo de discriminación por cuestións de xénero ou orientación sexual. Sen embargo, mentres existan pensamentos, conductas ou actitudes discriminatorias, encontros para recoñecer ás que traballan por pechar as fendas que aínda existen; galardóns que premian as persoas e entidades con iniciativa e que non miran cara outro lado diante das inxustizas; e meses destinados por completo á loita contra a desigualdade e a violencia de xénero seguirán sendo, por desgraza, tan necesarios como útiles", rematou o presidente da Deputación.

Galerias de imagenes

videos