A Deputación leva este martes a Fornelos de Montes o ciclo +Escénicas con “A fada Diana, musical”
Este espectáculo familiar, a cargo de Adriana Santana, representarase no CEIP Doutor Suárez ás 11:30 horas
17/05/2026
A Deputación de Pontevedra leva este martes 19 de maio a Fornelos de Montes unha nova edición do circuíto +Escénicas, a iniciativa provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Nesta ocasión, trátase do espectáculo familiar “A fada Diana, musical”, a cargo de Adriana Santana, que se representará no CEIP Doutor Suárez ás 11:30 horas.
A aloucada fada Diana ensina aos nenos e nenas a través desta peza as reviravoltas da reciclaxe. Faino a través dun espectáculo participativo con proxeccións, danza, circo, maxia e cancións orixinais que farán que os espectadores se transporten ao marabilloso mundo das fadas. A peza afonda en valores relacionados co medio ambiente, pero tamén fai fincapé na música ou, entre outras cuestións, no mundo mitolóxico.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha, contando nesta anualidade con 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.