A Deputación leva este domingo a Ribadumia o ciclo +Escénicas con “Máis saaabor!”

Este espectáculo familiar, a cargo de Culturactiva Producións, representarase no Auditorio municipal da vila ás 19:00 horas

16/05/2026

A Deputación de Pontevedra leva este domingo 17 de maio a Ribadumia unha nova edición do circuíto +Escénicas, a iniciativa provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Nesta ocasión, trátase do espectáculo familiar “Máis saaabor!”, a cargo de Culturactiva Producións, que se representará no Auditorio municipal da vila a partir das 19:00 horas.

“Máis saaabor!” trátase dunha peza cómica que xira arredor do mundo da gastronomía e da alimentación saudable, unha proposta que mestura música en directo con maxia, humor, moito ritmo e a participación do público. Dous recoñecidos chefs ofrecen unha comida moi musical para toda a familia, unha visita cómica ao mundo dos fogóns para promover o achegamento á cociña, a alimentación saudable e o consumo de produtos de proximidade entre o público galego. O food truck de “Máis Saaabor!” é un carro de xantar de grandes dimensións do que xorden infinidade de xogos cómicos e máxicos e unha chea de elementos e trebellos cos que cociñar música.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha, contando nesta anualidade con 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.